luns 25/10/21

Caballero envía unha carta a Feixoo solicitando que se reúna cos líderes da oposición e axentes sociais

O obxectivo da xuntanza é fixar as prioridades nos fondos Next Generation.
Gonzalo Caballero en rolda de prensa (Foto: Nós Diario)
Gonzalo Caballero en rolda de prensa (Foto: Nós Diario)

Unha carta. Eis foi o medio elixido polo dirixente do PSdeG, Gonzalo Caballero, para emprazar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a reunirse cos líderes da oposición co obxectivo de fixar as prioridades da Galiza á hora de acceder aos fondos europeos Next Generation. O socialista confirmou que esta segunda feira, 20 de setembro, enviou a misiva ao presidente da Xunta para que fixe ese encontro despois de "perder tantos meses".

"Que non siga na política do márketing e do botafumeiro, que se poña a traballar", sostivo Caballero, que asegurou que "é hora de que Feixoo deixe de perder o tempo, de que recoñeza que o feito [cos Next Generation] até o de agora non vale para nada e de que sente cos líderes dos partidos políticos na Galiza e cos axentes sociais para acordar un mapa de prioridades de proxectos fundamentais que opten aos Next Generation para así relanzar a economía e modernizar o tecido produtivo".

Para o dirixente socialista, tras máis dun ano e medio de pandemia e transcorrido tempo desde que se sabe que a Unión Europea aprobou un paquete que implica un "novo Plan  Marshall", vese como "a Xunta segue cos deberes sen facer".

Considera que os proxectos do Executivo galego carecen dun traballo sólido e ben feito

Tras soster que nos últimos meses o Executivo galego lanzou proxectos que "carecen dun traballo sólido" e "ben feito" sobre o que impulsar a reactivación, fixo fincapé na necesidade de modernizar a economía e de facer fronte ao dobre reto da transición dixital e ecolóxica para xerar emprego.

Preguntada pola prensa sobre esta solicitude de reunión, a líder do BNG, Ana Pontón, criticou a falta de vontade de diálogo de Feixoo; mentres que o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, aproveitou para criticar as decisións do Goberno español sobre os fondos e pór en valor o traballo da Xunta cos proxectos europeos.