Caballero insta Feixoo a se reunir coa oposición para "conseguir acordos" sobre o uso dos fondos 'Next Generation'

Os socialistas censuran a "confrontación" e a "inacción" do Goberno galego para logar un uso eficiente dos fondos europeos. 
Nicolás González Casares e Gonzalo Caballero.
photo_camera Nicolás González Casares e Gonzalo Caballero.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu a esixir este sábado ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, unha reunión cos dous grupos da oposición para "conseguir acordos" e "estabelecer prioridades" para o uso dos fondos europeos 'Next Generation' ante a súa política "de inercia e de inacción".

Nunha comparecencia fronte á Casa Europa do Parque de Vista Alegre de Santiago a canda o eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares, o líder do PSdeG cualificou de "desnortada, sen rumbo e sen base no país" a selección dos proxectos realizada polo Executivo galego.

"O Goberno da Xunta foi incapaz de conseguir acordos e de estabelecer prioridades para a utilización de fondos europeos. Feixoo dixo que había sete proxectos importantes, despois dixo que eran 106, despois 354 e, posteriormente, foi soltando outros", relatou.

Ante todo iso, Caballero reiterou o seu chamamento ao presidente galego para que "non siga perdendo o tempo" e se reúna tanto con el como coa líder do BNG, Ana Pontón, para "abordar o reto da modernización e acordar un uso eficiente e óptimo dos fondos europeos".

E é que, para o secretario xeral socialista, a Xunta "non di cales son as prioridades" para o emprego destas contías: "Non logra acordos, non fala cos grupos parlamentarios, non fala coas alcaldías do país" porque "prefire o conflito e a tensión".

"Galiza non pode perder a oportunidade"

Ante a chegada dos fondos europeos ás comunidades autónomas, Caballero advertiu que "Galiza non pode perder a oportunidade de modernizar a economía e de facelo de acordo á xustiza social e á solidariedade coa cidadanía galega".

Pola súa banda, o eurodeputado Nicolás González Casares lamentou a "desconexión" da Xunta das políticas da UE, que "nestes tempos acaba de demostrar que é un escudo protector da cidadanía".

"Hai que reducir desigualdades. Que Galiza estea conectada coas políticas europeas é unha necesidade que temos que levar a cabo os socialistas. Porque iso non o vai facer o Partido Popular, que abandonou desde a Xunta as políticas de influencia de Bruxelas", explicou.

De feito, o eurodeputado censurou que Feixoo busque "a confrontación non só co Goberno de España, senón tamén con Europa", como cando "criticou a estratexia de vacinación" e a chegada de millóns de doses "sen custarlle nin un só euro aos galegos".

En definitiva, González Casares apelou a "enganchar Galiza con Europa" e afeou que Feixo trate de "esconder" que xa se están producindo investimentos de fondos comunitarios na sanidade galega: "A Xunta está a esconder que eses recursos chegan desde Europa transferidos polo Goberno de España".

Comentarios