Caballero insta a Feixoo a "rectificar" e insiste en que setembro é mellor data

O PSdeG insta ao presidente galego a non introducir máis "elementos de tensión" ao desconfinamento cunha cita electoral que supoña unha "maior mobilización e un aumento dos niveis de contactos".
Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, en rolda telemática.
photo_camera Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, en rolda telemática (Imaxe: Nós Diario)

"Rectifique", pediu o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ante o empeño do mandatario galego por colocar as urnas no mes de xullo. "Non hai ningún informe científico nin médico que poida dicir que no mes de xullo haxa mellores garantías" para votar que, "por exemplo, na primeira quincena de setembro", aseverou Caballero esta sexta feira, 15 de maio, en rolda de prensa telemática.

O líder do PSdeG acusou ademais Núñez Feixoo de estar "fechado en si mesmo" e de "illarse en San Caetano" da "preocupación das galegas e galegos".  

A pandemia ten unha evolución "altamente incerta", resaltou Caballero, polo que considerou "difícil poder facer previsións" sobre un calendario de comicios, xa que "non se pode descartar que exista un rebrote".

A este respecto, sinalou que os informes nos que se basea Feixoo para decantarse por xullo para votar non contan cunha "evidencia suficiente", motivo polo que considerou que detrás dos argumentos do presidente da Xunta hai "unha decisión política" e a vontade de que o lehendakari vasco Iñigo Urkullu marque a "axenda", xa que tamén está a pular para que Euskadi vote en xullo.

Gonzalo Caballero quixo lembrar que a postura que o partido Socialista sostivo no pasado mes de marzo foi a de suspender as eleccións galegas programadas para o 5 de abril, esgotar a presente lexislatura se for necesario, e convocar comicios para setembro.

Ante un momento de "incertidume", en que se "descoñece como vai ser o proceso de desconfinamento", Caballero requiriu a Feixoo que se centre na transición á "nova normalidade" e que faga fronte á crise sanitaria, económica e social.Seguindo esa liña, instou ao presidente galego a non introducir máis "elementos de tensión" ao desconfinamento cunha cita electoral que supoña unha "maior mobilización e un aumento dos niveis de contactos". "Non é apropiado mesturar a axenda electoral coas fases", dixo Caballero. 

Comentarios