Caballero insta Feixoo a propor unha “localización alternativa" para a planta de Ence

O líder do PSdeG reclama ao presidente da Xunta que “exerza as súas competencias” e propoña unha “localización alternativa” para a pasteira de Ence.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa (Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a "exercer as súas competencias" en materia industrial e a propor unha "localización alternativa" para a fábrica de Ence instalada en Lourizán (Pontevedra).

Así o expuxo a través dun comunicado remitido a medios, tras coñecerse esta sexta feira, 16 de xullo, a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga da concesión dos terreos outorgada polo Goberno de Mariano Raxoi, cando estaba en funcións, en 2016.

Neste contexto, o líder dos socialistas di respectar a decisión xudicial, que mostra a actuación "fóra da lei" do Executivo de Raxoi, e lembra que a posición do PSdeG é a de sacar a pasteira da ría.

"Feixoo ten que buscar mecanismos que permitan manter o emprego na Galiza", recalcou o socialista, á vez que lamentou que o presidente da Xunta "perdese o tempo sen anticiparse" ao fallo da Audiencia Nacional.

Alerta do incremento da pobreza na Galiza

Noutra orde de asuntos, Caballero puxo o foco esta sexta feira en que o risco de pobreza na Galiza “está en niveis que non se daban desde a gran recesión de 2008", polo que reclamou á Xunta políticas "expansivas" como "as aprobadas polo Goberno estatal para dar unha saída inclusiva" a esta crise, "que priorice a igualdade, a cohesión social e mais a creación de emprego".

Así se pronunciou o socialista antes dunha reunión con empresariado de Lugo e o presidente da Deputación, o tamén socialista José Tomé

Caballero reivindicou as "políticas expansivas do Goberno español fronte á maior crise", a xerada pola pandemia do coronavirus. "Cando non hai diñeiro na economía, na sociedade, nos petos da cidadanía, o Goberno serviu como gran garantía para facer fronte á maior crise", resaltou. Ademais, valorou a "capacidade de concertar" as súas políticas cos axentes sociais.

Consciente de que "moitas empresas están con circunstancias complexas, coa auga ao pescozo", o líder socialista chamou a atención sobre o impulso do gasto público como "mellor garantía para poder facer fronte aos trimestres que veñen por diante".

Tren e porto

Por parte da confederación de empresarios de Lugo, o seu portavoz, Jaime López, trasladou algunhas das demandas do tecido produtivo, como o eixo Monforte-Lugo-A Coruña en materia de infraestruturas e unha autoridade portuaria propia.

Inseguridade na AC-400

Mentres, no Parlamento galego a deputada socialista Noa Díaz presentou varias iniciativas para reclamar á Xunta que leve a cabo obras para mellorar a seguridade na estrada AC-400 ao seu paso por Mazaricos.

En concreto, Díaz apuntou ao quilómetro 11, no cruce coa estrada que leva a Arcos e Colúns, no lugar das Paxareiras, pola elevada sinistralidade rexistrada nese punto concreto.

Máis en POLÍTICA
Comentarios