Caballero insta Feixoo a blindar os sectores máis danados pola pandemia para non perder “unha nova xeración”

O secretario xeral do PSdeG amosouse preocupado por que a Covid-19 supoña o inicio dunha nova vaga de emigración entre a mocidade galega. A nivel xeral presentoulle ao presidente da Xunta unha docena de posíbeis pactos en "chave de país", para mellorar ámbitos como a sanidade e a economía. Ademais, os dous políticos coincidiron, segundo fontes socialistas, na necesidade de reforzar a campaña de vacinación e Feixoo acadou o compromiso de contratar máis persoal para coidar a saúde mental das e dos galegos.
Reunión entre Gonzalo Caballero e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: PSdeG)
photo_camera Reunión entre Gonzalo Caballero e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: PSdeG)

“Non nos podemos permitir que unha nova xeración teña que emigrar do país”. Esta foi unha das frases nas que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, baseou o seu encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, se ben a conversa xirou arredor de “doce pactos chave” para mellorar a situación da Galiza.

Nesta reunión para intentar achegar posturas e unir forzas ante os efectos da pandemia da Covid-19, o líder socialista pediulle ao responsábel do Executivo galego pór o foco en crear postos de traballo e fortalecer a sanidade pública, pois na situación que se vive desde hai un ano detectáronse algunhas eivas.

Respecto da estratexia de loita contra o coronavirus e non xa cos seus efectos a nivel económico, o PsdeG afirmou que Feixoo e Caballero estiveron na mesma sintonía ao destacar que se debe “fortalecer” o sistema de vacinación. Tamén hai que destinar fondos ao tratamento da saúde mental e á atención ás persoas maiores, unhas das peores paradas neste ano de epidemia.

Neste senso, no decorrer das tres horas de charla, avogou por artellar “un plan extraordinario de contratación e estabilización de persoal para o sistema sanitario público”.

Puxo o asunto sobre a mesa lembrando a Feixoo a presión que veñen soportando quer a Atención Primaria, quer a rede de hospitais. Así, logrou o “compromiso” de que o Sergas incorporará “120 profesionais máis” para coidar a saúde mental da cidadanía “antes de fin de ano”. A ninguén se lle escapa que a pandemia e o confinamento, os cambios de hábitos en xeral, incrementaron as listaxes de agarda nas especialidades de psicoloxía e psiquiatría.

Igualmente, o representante do Goberno galego asegurou que en breve presentará un novo modelo de residencias de maiores, pois o partido da oposición considera básico dar a volta ás situacións descubertas por mor do virus.

Fondos de impulso

Así mesmo, para Caballero é básico que se reforce o autogoberno ou que os proxectos europeos teñan un seguimento a través dunha comisión específica.

Outros dos plans presentados foron pensando en reducir as desigualdades ou incrementar os fondos para os sectores máis danados pola pandemia (cunha clara mensaxe a prol dos servizos públicos), pero tamén destinar esforzos á reactivación industrial dun país onde non deixan de anunciarse fechamentos de grandes factorías. A realidade fai presaxiar a fuga dunha xeración a procurar estabilidade noutros lugares.

Unha visión industrial

Ambos aludiron a este sector económico, polo que o socialista reclamou “unha política industrial máis activa por parte da Xunta para abordar os retos do sector da automoción, o papel, o aluminio, o mar e o naval”. O emprego, subliñou, debe estar no centro das políticas”.

“A nosa proposta non vai de cheques en branco, vai de compromiso con Galiza”, puntualizou no seu debate con Feixoo.

Dar continuidade ao diálogo

Aproveitando esta cita bilateral -que tamén se fixo coa líder do outro partido da oposición, a nacionalista Ana Pontón-, o representante considerou que hai que “converter en normal” que Feixoo escoite ás outras formacións políticas para traballar conxuntamente co fin de “dar oportunidades de futuro aos galegos e ás galegas”.

“É o normal nunha democracia”, remarcou, tendo en conta que as orientacións políticas dos socialistas e populares non sempre van pór fácil que se alcance un escenario común.

Comentarios