Caballero insta Feixoo a aplicar o Estatuto como ferramenta para protexer as persoas

No marco do pleno de investidura da Presidencia da Xunta, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, enunciou os eixos que para o seu partido serán prioridade na nova lexislatura: “defensa férrea do social, protección á cidadanía, fortalecer a sanidade pública e garantir a protección social, priorizando un novo modelo de residencias”. Ensino e igualdade tamén foron puntos chaves dun discurso en que instou Feixoo a aplicar o Estatuto de Autonomía e exercer as competencias que corresponden á Xunta da Galiza.

caballero, psdeg
photo_camera O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, durante a súa intervención (Foto: Europa Press)

A intervención do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, inaugurou a segunda xornada da sesión de investidura de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta da Galiza. E comezou precisamente enviando un “saúdo agarimoso ás persoas afectadas pola Covid-19, ás familias das 644 falecidas, e ás que se atopan hospitalizadas e na UCI”. A todas elas dirixiuse para prometer que o Partido Socialista estará "á altura das circunstancias”.

“O PP gañou as eleccións con 50 mil votos menos que hai 4 anos”, dixo Caballero,  “unha maioría lexítima”, recoñeceu, ao tempo que avisou de que “a maioría haina que xestionar con acerto”. Acto seguido o líder socialista reivindicouse como alternativa ao Partido Popular, “imos ser coherentes cos valores e medidas socialistas, defendendo o público, tendo a loita pola igualdade como bandeira e como referencia” e entendendo “as políticas como ferramentas” para cambiar e avanzar. 

O líder do PSdeG pediu políticas diferentes ás aplicadas na crise anterior, sen “recortes” nin “ortodoxia”. “Temos que construír un cinturón protector para que ninguén quede atrás”, polo que pediu un proxecto “alternativo” fronte ás privatizacións. “Galiza non vive na Arcadia feliz que traslada o PP”, engadiu. Nese sentido recalcou que hai catro anos o Feixoo “prometía” unha lei de emprego da que “ninguén sabe dela”, unha lexislación para o rural que non houbo, “prometeu que en 2020 as rías estarían saneadas e volve prometelo agora”, prometeu “un plan para persoas maiores que viven soas e volve prometelo agora, e prometeu residencias públicas en cada cidade galega e volve prometelo agora", relatou. 

Catro eixos

Caballero enunciou catro eixos prioritarios nesta lexislatura “para facer unha defensa férrea do social, dando protección á cidadanía, fortalecendo a sanidade pública, garantindo protección social, priorizando un novo modelo de residencias, ensino de calidade” e a loita pola igualdade e o feminismo. Nese sentido, enfatizou que a prioridade da política social “será a liña vermella” do PSdeG. “Apoiaremos a Xunta en todas as medidas que permitan ese avance”. 

Dentro deses catro eixos, o líder socialista destacou a necesidade de crear un “plan rexurde para potenciar a economía e xerar emprego, desde os retos da transición ecolóxica” e pular pola “rexeneración e a calidade das institucións”. 

Estatuto

Dentro das bases que o PSdeG ve precisas nesta lexislatura é a aplicación do Estatuto de Autonomía. Caballero reprochou a Feixoo que non exerza as competencias que a Xunta da Galiza ten a nivel de industria, ensino, sanidade... “O maior acordo que temos que ter os grupos parlamentarios é que se apliquen as competencias autonómicas en industria, economía, educación...” aseverou.

De feito, nun claro intento por visualizar un compromiso galeguista do PSdeG, unha das cuestións que o propio Caballero botou en falta ao analizar as carencias do seu partido na campaña electoral, rematou o discurso erguendo coa man un exemplar do Estatuto, instando Feixoo a aplicalo, porque aí está a forma de “dar protección ás persoas”, dixo.

No claro pulso por dar perfil galego ao seu partido, Caballero tamén trouxo Carvalho Calero á investidura, citando del a súa frase “esperamos contra toda esperanza”, para engadir que “esta ten que ser a lexislatura da protección das persoas e para iso hai que cumprir coas competencias do Estatuto”. 

Fondo Covid

“O balance de 11 anos de precarización do emprego do PP é negativo” para Galiza, aseverou Caballero. “Vostede fai parte dun número de investimentos que non se cumpren, recortando en sanidade, orzamento para Atención Primaria e para o persoal. Falsea  a realidade cando vende un investimento que non se deu”, espetou. Nese sentido instou o candidato á Presidencia da Xunta a aproveirar os fondos Covid que Galiza recibe, sinalando como prioridade a sanidade para mellorar as condicións, convocar cinco mil prazas estábeis de persoal sanitario e chegar a un acordo coas institucións para suprimir a taxa de reposición. Lembrou tamén as enfermeiras que encadean contratos e propuxo reducir a eventualidade por baixo de 8%. Baixar a ratio de médico por usuario e incluír atención bucodental plena no Sergas para as persoas con mais dificultades, foron tamén prioridades enunciadas polo socialista. “Temos que apostar por unha sanidade pública, pero iso non é pór un cartel de 'hospital público' no centro de Verín”, dixo Caballero para criticar tamén a redución da atención sanitaria á vía telefónica. 

“A UE buscou un novo tempo e pasar páxina á austeridade, cos fondos Covid, tamén o Estado cos ERTE e as axudas a autónomos”, dixo Caballero, para lamentar qu  “na Galiza non hai diagnóstico do ciclo produtivo, nin da incidencia da Covid-19” nin folla de ruta. Ante iso reivindicou a necesidade de crear a comisión parlamentaria para a reconstrución da Galiza que esta segunda feira, 31 de agosto, propuxo o seu partido. 

Tamén recordou Caballero o conflito en Alcoa, denunciando  que a Xunta non se fixera cargo das súas competencias en materia de industria. “Hai que traballar na reidustrialización de zonas como As Pontes, reformular o IGAPE para que sexa unha verdadeira axencia de impulso económico, precísase unha nova política no turismo, na hostalaría, na cultura e no I+D+i”, concluíu.  

Modelo residencial

“Galiza precisa un novo modelo de residencias”, dixo Caballero. “Fallaron protocolos e non cumprimos co número de prazas, segundo marcan os baremos da OMS, que sinalan a carencia de 14.000 prazas na Galiza, e non se cumpriu coas inspeccións”, denunciou o socialista para lembrar a carta da directora da residencia DomusVi de Santiago que criticaba ao inicio da pandemia que non se lle permitía derivar as persoas maiores máis graves aos hospitais. “Os familiares demandan respostas. Pídolle a creación dunha comisión de investigación de residencias para ver que fallou e aprender dos erros. Debémosllo ás vítimas e ás familias, por dignidade”, dixo. 

Sobre pobreza Caballero sinalou que o número de galegos que vivían en situación de pobreza antes da Covid-19 estaba entre 540.000 e 620.000, mais agora anúncianse 44.000 galegos máis en situación de pobreza. “Existe demora para tramitar a Risga e as axudas á dependencia. Temos que desenvolver unha nova política de vivenda e de mocidade, baseada en tres eixos: emprego, vivenda e formación”, debullou.  

Ensino e Igualdade

A educación tamén ocupou parte do discurso de Caballero, que marcou a necesidade de reducir a ratio de alumnado por aula. “Mentres outras comunidades buscaron ampliar a contratación, Galiza quedou na cola. Non se buscaron novos espazos para as aulas nin se estudaron plans de ensinanza virtual para en caso de que sexa necesario” interromper a presencialidade nas escolas, marcou o socialista. “Hai que garantir un plan para o funcionamento de comedores evitando riscos e lanzar liñas de axuda á conciliación ”, pediu. 

Aliás, reivindicou a primeira matrícula gratuíta para todo o alumnado universitario.  

“Atenda demanda histórica do movemento feminista e cree a Consellaría de Igualdade para dar impulso ao feminismo”, exixiu Caballero, avogando pola ampliación da rede de centros de atención ás mulleres e a rede de centros de acollida para mulleres vítimas de violencia machista. 

Institucións, CRTVG e Meirás

Pediu o socialista un pacto pola rexeneración e a calidade institucional. “Hai que chegar a un acordo para despois da ausencia do presidente na sede parlamentaria durante a crise, se comprometa agora a comparecer polo menos unha vez ao mes. O presidente ten que exercer as súas funcións no Executivo mais tamén coa rendición de contas no Parlamento”, aseverou.

O líder do PSdeG tamén denunciou a “utilización” que fai o PP dos medios públicos e da CRTVG, e parabenizou as  e os traballadores do ente publico “que defenden a galega”. 

“Satisfacción e ledicia”, amosou Caballero ante o resultado da sentenza que devolve o Pazo de  Meirás para o público. Trátase, dixo, “dunha garantía para seguir construíndo unha Galiza mellor”. 

Non quixo rematar Caballero sen facer mención á crise de Goberno no concello de Ourense, onde Feixoo “puxo o maior caso de esperpento municipal”, dixo. “É a súa responsabilidade, unha vergoña política que vostede ten a responsabilidade de arranxar porque vostede a creou, concluíu con dureza. 
 

Comentarios