Sesión de control no Parlamento

Caballero (por fin) golpea Feixoo

Fixeron falta catro debates exprés entre os líderes parlamentarios para que o socialista gañara un asalto a Feixoo. O presidente patina por vez primeira diante do aspirante.
Caballero con Leiceaga, esta cuarta no Parlamento galego
photo_camera Caballero con Leiceaga, esta cuarta no Parlamento galego. (Imaxes: Arxina)

Andaba Feixoo, nado no mundo rural, revelando o ADN das galegas e dos galegos e mallando en Antón Sánchez -a quen insistentemente se referiu como Vázquez, alguén saberá por que- a conta dunha política fiscal que a ollos do presidente está dirixida por Robin Hood e non por Valeriano Martínez, e sobre a que o portavoz dos comúns parecía desorientado –“o IBI e as taxas da auga non dependen da Xunta, señor Vázquez” –; parecía o presidente tan satisfeito de si mesmo por non terse comportado como o abusón de maioría absoluta diante dun Villares que se estreaba despois de semanas calado pola regra parlamentar que pon en off aos grupos minoritarios (hoxe tocoulle ao Bloque), tanta confianza e seguridade en si mesmo traizoou a Feixoo no remate da súa intervención contra Caballero, a quen viña tombando combate tras combate.

Feixoo ten puntos fracos, e esta cuarta na sesión de preguntas ao Presidente esvarou por falar de máis de si mesmo e do seu Goberno... Pensou Feixoo que tiña outra vez a Caballero contra as cordas despois de que Antón Vázquez Sánchez tivese dedicado a súa intervención a criticar a política do PP no mundo rural e agora vén o líder socialista a cuestionarlle que nada tiveran feito nas cidades. Sorría Feixoo, preparado para o ataque, pensando que atopara a fenda da contradición entre os novos socios do Goberno de Madrid. Tan rápido, tan fácil.

“Aclárense. Non se pode acusar ao PP de non atender o rural e acusalo á vez de non atender as cidades. É imposíbel...”, dicía o presidente mentres se lle ía apagando a voz e nas filas da oposición escoitábanse os risos. Si se pode. 

“Escoite as galegas e aos galegos. O domingo, o 54% votou por un novo goberno progresista no país, e as dereitas ficaron no 44%. É un país que quere avanzar”, respondeu Caballero no seu primeiro gran momento parlamentario grazas a un esvarón de Feixoo.

Feixoo hoxeO presidente reaccionou como político ferido. Cuspiu diante de Caballero un eloxio a Leiceaga, que marcha “porque vostede non atura os mellores ao seu lado”. E díxolle tamén: “Non foi humilde na vitoria abril, e é patético ser soberbio na derrota. Non faga o ridículo”. Caballero xa non tiña quenda de réplica. Ruborizouse por decencia e despois gozou do momento. 

Feixoo é capaz de colocar ‘patacón’ nunha frase para subliñar a seu orixe rural, e quen de responder á cita dun cun título dun filme en inglés: Apocalipse Now, pode asegurar que o leite, o viño, a carne e a parcelaria van mellor que nunca sen que lle trema a voz, tamén sabe soster que Valeriano é Robin con arco e todo utilizando unha artimaña dialéctica segundo a cal a presión fiscal é máis progresista que durante o bipartito porque “o PP baixa os impostos ás rendas baixas, mentres mantén unha taxa máis alta (que a do bipartito) no imposto de Patrimonio”. Tan fácil, tan rápido.

O mesmo todo é mentira segundo a bancada desde a que se mire o Goberno da Xunta. 

O vicario e o perdón aos ricos

Mira Antón Sánchez e di que Feixoo é “un vicario das multinacionais” porque “usa o DOG para que gañen outros o que perde a xente do común”, porque “entrega o vento e a terra”, porque “non defende o territorio”. 

Villares hoxeMira Luís Villares e di, cando lle toca falar, algo tímido (normal, falta de costume), que Feixoo lles “perdoa aos ricos e renuncia aos recursos que farían falta para facer xustiza”. E di que a xustiza social empeza na xustiza tributaria.

E mira Feixoo é di que non, que todo é mentira, que el naceu na aldea, non esqueceu dicir ‘patacón’, coñece o ADN dos galegos, que no rural non se está a producir o holocausto que di Sánchez que dixo Oliver Laxe, que en Sergude inaugurarán unha granxa escaparate, que non sei como algúns aínda se atreven a ir polo rural.

Igual é certo que é mentira todo o que se escoita nestes cara a cara exprés no Parlamento. Mais non hai dúbida de que Feixoo saíu da sesión preocupado e Caballero, crecido. A garabata do aspirante xa se parece máis á do presidente. É ese camiño da centralidade que ambos recorren xuntos.

Comentarios