Caballero exixe á Xunta neste 17 de maio políticas de "discriminación positiva" para a lingua

O líder socialista reclama axudas e estímulos para o sector cultural
Gonzalo Caballero, na manifestación de Queremos Galego (Foto: Arxina)
photo_camera Gonzalo Caballero, na manifestación de Queremos Galego (Foto: Arxina)

O secretario  xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou á Xunta que articule políticas de "discriminación positiva" non só para a lingua galega ante a perda de falantes, senón tamén para o sector cultural após o golpe da crise desencadeada pola Covid-19. Nese sentido, urxiu a estabelecer axudas e estímulos para que o sector recupere o nivel de actividade que tiña antes da crise. 

En declaracións aos medios na compostelá praza do Obradoiro e antes de participar na mobilización convocada por Queremos Galego polo 17 de maio, o líder do Partido Socialista fixo un chamamento para "pór en valor" o idioma propio da Galiza a través de "apoio e discriminación positiva". "O galego é un valor común, é a nosa cultura, é a nosa forma de entender o país e queremos, neste Día das Letras Galegas, festexar e reivindicar máis galego", engadiu.

Gonzalo Caballero destacou ademais que o galego permite a comunicación co mundo lusófono e que "é totalmente compatíbel cunha visión cosmopolita" do mundo.

“Para o futuro do galego é fundamental que os nenos e as nenas queiran a lingua, sintan agarimo pola lingua, teñan paixón polo galego”, remarcou Caballero, partidario de “impulsar” o uso da lingua dende a Administración galega.

“Porque a nosa lingua é un valor común, o noso xeito de entender o país”, recalcou, antes de reivindicar “máis galego”, para reclamar que “nun momento no que hai máis medios para impulsar o uso do galego, non podemos permitir que existan retrocesos”.

Comentarios