POLÍTICA

Caballero di que Feixoo "leva os recortes na súa mochila" e terá "unha sorpresa" nas eleccións

O líder das socialistas galegas salienta que levarán a cabo unha campaña "en positivo" para "mobilizar a todo o electorado progresista" da Galiza. Ademais, insta a Feixoo a manter un "cara a cara" con el durante a campaña. 
Gonzalo Caballero (PSdeG).
photo_camera Gonzalo Caballero (PSdeG).

"Feixoo convoca as eleccións con moita présa para non ter que dar contas da súa xestión e vai levar unha sorpresa cando se abran as urnas", asegurou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esta terza feira nunha comparecencia na que lle lembrou ao actual presidente da Xunta que "leva os recortes na súa mochila".

"Hoxe a Galiza está centrada en seguir gañando a batalla fronte ao virus", sinalou, para evidenciar que a decisión que Alberto Núñez Feixoo de convocar os comicios o 12 de xullo foi "persoal e unilateral", e "rachou o consenso" co resto de forzas políticas que levara ao aprazamento das mesmas pola crise sanitaria. 

"Feixoo debería respectar o que el mesmo publicou no DOG", afirmou, en relación a que non se convocarían as eleccións até que rematase o estado de alarma. "Se pedimos á cidadanía que respecte as normas, el debera ser o primeiro en dar exemplo", engadiu.

"Á altura das circunstancias"

Desta maneira, Caballero criticou que o presidente galego pretende "pasar de puntillas" pola súa xestión desde que comezou a pandemia e "obviar" como a sanidade pública chegou "con evidentes debilidades" a esta crise tras "once anos de recortes".  

"Fronte ao PP de Feixoo, que leva os recortes na súa mochila e deixa un legado de 70.000 ocupados menos tendo en conta os datos previos á chegada do coronavirus, o PSdeG estará á altura das circunstancias", sostivo o líder socialista. 

Caballero asegurou que as socialistas non teñen que "dar un xiro" ao programa co que concorrían ás eleccións do pasado 5 de abril, senón que farán "un reforzo" dos seus eixos de acción". Levarán a cabo unha campaña "en positivo" para "mobilizar a todo o electorado progresista" da Galiza. 

Cara a cara con Feixoo

Por outro lado, Gonzalo Caballero instou a Feixoo a manter un "cara a cara" con el, así como a participar en varios debates co resto de forzas con representación na Cámara galega e citou expresamente ao BNG e a Galicia en Común-Anova Mareas.

"A Feixoo non lle gusta debater", manifestou na súa comparecencia, na que confirmou que participará en "todos" os debates aos que acuda o candidato do PP.

Así, salientou a importancia de realizar este tipo de actos para confrontar as ideas e "garantir a calidade democrática". Neste punto, tamén pediu que a CRTVG faga un "seguimento amplo" da campaña electoral con máis espazo para a información dos distintos partidos "de acordo á normativa". 

Comentarios