Caballero deixa entrever que o PSdeG de Vigo non vai colaborar na campaña

As listas do PSdeG xa foron rexistadas tal e como saíron de Ferraz, ao gosto do candidato da formación socialdemócrata á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga. O cisma coa organización viguesa -e tamén coa ourensá que controla Pachi Vázquez- estoura a un mes da cita coas urnas.

Abel Caballero

"Non lle vou tolerar a ninguén que non se lle dea a Vigo a importancia que ten", afirmou esta segunda feira o alcalde da cidade, Abel Caballero, aliñado con Susana Díaz na batalla interna polo control do partido no conxunto do Estado.

Os argumentos que pon sobre a mesa Caballero teñen a ver co distinto nível de respaldo eleitoral do partido na provincia de Pontevedra. Destarte, puxo en destaque que nas eleccións municipais de maio de 2015 o PSOE obtivo na cidade de Vigo 73.000 votos, en tanto que apenas colleitou 10 mil na suma de Pontevedra e Vilargarcía de Arousa. Critica o rexedor que isto agora se traduza en 3 postos nas catro primeiras prazas da candidatura para Pontevedra e Vilagarcía e apenas un para Vigo. "Que non conten comigo para iso", declarou enfático, nunha clara alusión a que a organización viguesa que el controla non se vai implicar na campaña.

A estratexia do sector de Susana Díaz, na que está inserido Caballero, é nidia: erosionar as posicións do PSOE perante as eleccións galegas e vascas, para logo lle pasar a factura a Sánchez

Caballero está a facturar estes días o consabido discurso localista, con constantes apelacións a que el pon a cidade por cima do partido, mais o que agacha con esta retórica é o seu ataque á liña de flotación da dupla Leiceaga-Cancela.

A estratexia do sector de Susana Díaz, na que está inserido Caballero, é nidia: erosionar as posicións do partido perante as eleccións galegas e vascas co obxectivo final de, cuns maos resultados sobre mesa, presionar Pedro Sánchez para que modifique a súa posición e dea paso á investidura de Rajoy, o obxectivo principal marcado polo principal poder do partido na sombra, o ex presidente Felipe González.

Comentarios