Acúsao de sementar a "confusión" na cidadanía

Caballero define Feixoo como un "camaleón" por pedir que se valoren as propostas do PSOE

Caballero Lugo
photo_camera Caballero, á dereita de Patricia Otero

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu hoxe "responsabilidade" a todas as forzas da esquerda para facilitar a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno, de quen resaltou o "esforzo" que está a facer ao abrir as portas á formación "dun goberno de coalición por vez primeira na historia democrática de España". 

Caballero fixo esta reflexión da clausura do congreso do PSdeG de Lugo que elixiu Patricia Otero como referente da nova dirección provincial e lembrou a importancia de que se "desbloquee a situación" á vista de que "as tres dereitas van seguir na loita". 

Nesa liña, dirixiuse directamente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a quen definiu como un "camaleón político" por "falar agora de estudar as propostas do PSOE para absterse na investidura de Sánchez" e, ao mesmo tempo, "aplaudir os pactos do PP con Vox en Andalucía e Murcia".

“O mesmo día é capaz de dicir algo que non fan os seus deputados”, criticou Caballero, quen lle recriminou tamén a Feixoo a súa "estratexia de confusión á cidadanía". 

"As contas non lle dan", engadiu o deputado socialista, que albisca un "cambio de ciclo" en Galiza. O secretario xeral do PSdeG chamou á militancia a traballar xa de cara ás eleccións galegas do ano que vén para poder liberar o país "do couto privado no que o quere converter Feixoo". 

Máis en POLÍTICA
Comentarios