Caballero cre que "o único exemplo" que pode dar Feixoo de xestión industrial é o "escándalo" de Pemex

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegura que "o único exemplo" de política industrial do que pode presumir o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, é "o escándalo" da petroleira mexicana Pemex, con cuxo ex director xeral, Emilio Lozoya --detido a mediados de febreiro por corrupción-- se reuniu e "sacou unha foto".
Gonzalo Caballero no Parlamento da Galiza (Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero, nunha comparecencia no Parlamento da Galiza (Europa Press)

Nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional, o candidato socialista á presidencia da Xunta nas eleccións do 5 de abril criticou que Feixoo "non quere falar de industria" na Cámara galega, despois de que o PP tombase na deputación Permanente a súa comparecencia para explicar os casos que rodean a Pemex e ao seu ex director, que "foi prófugo da xustiza por suborno".

Diso serviuse Gonzalo Caballero para lembrar que Feixoo chegou a "parar a emisión en directo da TVG para anunciar a chegada dunha construción de buques histórica" á Galiza, dos cales, apuntou, "só chegaron dous e un deles está paralizado no estaleiro Barreras".

Respecto deste estaleiro, o candidato do PSdeG tamén afeou que o presidente galego o metese "nunha situación crítica" ante a cal "o Goberno de España tivo que baixar a buscar mecanismos de financiamento".

A todo iso sumou as supostas irregularidades detectadas polo Tribunal de Contas en axudas á emigración en Venezuela, os "recortes" na sanidade, as "70.000  persoas ocupadas menos" que hai 11 anos que ten Galiza e o "despoboamento" do rural. "Feixoo é un escapista das súas responsabilidades, porque non quere ver a Galiza real, na que fixo desfeita tras desfeita", esgrimiu.

Na súa intervención, Caballero apelou a "á cidadanía progresistaa" para que vaia votar o 5 de abril e así "retirar a un persoeiro tan nefasto para a democracia e para a política e a economía deste país". Isto será posíbel, aventurrou, "se hai unha participación alta e activa" nos comicios.

Comentarios