Caballero comprométese a axilizar as valoracións e axudas de dependencia

O PSdeG denuncia a herdanza de recortes de Feixoo
Marina Ortega e Gonzalo Caballero, no centro, en Ourense.
photo_camera Marina Ortega e Gonzalo Caballero, no centro, en Ourense.

"Unha crise de políticas sociais e de recortes", deixa Alberto Núñez Feixoo como legado "após once anos á fronte do Goberno galego", aseverou onte o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, durante a presentación da lista do Partido Socialista por Ourense para a cita electoral do 5 de abril. Ante a candidatura ourensá ao Parlamento, Caballero comprometeuse a axilizar desde a Xunta os expedientes de dependencia, así como a garantir que a concesión das axudas se realice de maneira "inmediata" en canto se recoñeza o dereito á presentación.

Lamentou o líder do PSdeG que haxa persoas que, tendo o dereito recoñecido a contaren con axudas por dependencia, leven "meses ou anos" agardando por elas. "Algunhas mesmo non a reciben até o falecemento", denunciou.

Dentro das políticas sociais, Caballero tamén salientou o seu compromiso de realizar unha "planificación estratéxica" co obxectivo de incrementar as prazas en residencias para maiores e en centros de día. Hai, na Galiza, segundo a Organización Mundial para a Saúde, un déficit de 15.000 prazas de residencias, afirmou Caballero, cuestión á que se comprometeu a pór fin. A xornada de precampaña comezou para o PSdeG en Ourense, da man de Caballero e de Marina Ortega, cabeza de lista por esta circunscrición ao Parlamento.

Ortega xa encabezou en abril e novembro de 2019 as listas do PSOE por Ourense ao Congreso español. Ambos os referentes do PSdeG chamaron a converter Ourense en "motor do cambio" para que Feixoo "perda a maioría" e para "acabar co caciquismo de Baltar" na Deputación e co "esperpento de Jácome" na alcaldía ourensá.

Comentarios