Caballero chama a evitar listas alternativas na Galiza para o congreso do PSOE

A ex deputada Noela Blanco estuda encabezar a delegación ourensá para o Congreso Federal do PSOE.
EuropaPress_3682960_secretario_xeral_psdeg_gonzalo_caballero_rueda_prensa
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento a que as e os socialistas galegos presenten listas de integración en todos os territorios para a elección de delegadas e delegados para o Congreso Federal do PSOE que terá lugar a mediados de outubro en Valencia.

Caballero lanzou esta mensaxe esta terza feira, 31 de agosto, en Santiago, nunhas declaracións aos medios convocadas fronte á estatua que o fundador do Partido Socialista, Pablo Iglesias, ten no compostelán barrio de Vite.

Remarcou que "se todos" os militantes e cargos do partido na Galiza apoian o líder do PSOE e presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, "non hai motivo" para que concorran a este proceso interno varias candidaturas.

"Se non hai ningunha división real ao redor do proxecto de Sánchez non podemos aparentar  divisións artificiais", sentenciou. Tamén quixo desligar o proceso estatal para o que hoxe abre o rexistro de candidaturas do que vivirá a organización a nivel galego (o Congreso do PSdeG prevese para decembro).

De feito, matizou que o seu chamamento ás listas de integración está referido ao proceso federal. "Cando haxa que falar doutras formulacións haberá que falar", dixo sobre as primarias galegas nunha xornada en que volveu evitar concretar se optará á reelección.

Con todo, a ex deputada do PSdeG no Parlamento galego Noela Blanco desvelou esta terza feira a través das redes sociais a súa intención de presentar candidatura para encabezar a delegación de Ourense para o Congreso Federal do PSOE.

Blanco, que deixou o seu escano no Pazo do Hórreo tras non ser elixida para conformar a lista dos socialistas para as eleccións galegas de xullo 2020, perdeu en 2017 as primarias á secretaría provincial ourensá fronte a Rafael Villarino, próximo a Gonzalo Caballero.

Comentarios