Eleccións

Caballero asegura que "o vento de cambio sopra con forza"

O candidato socialista avanzou que vai "patear o país de arriba abaixo para falar coas galegas".
O candidato dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero (Arxina).
photo_camera O candidato dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero (Arxina).

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, reapareceu onte, xa co adianto electoral confirmado, para convocar a todas as galegas a "unha grande alianza para traballar por unha Galiza mellor" a partir do vindeiro 5 de abril, despois de once anos de Goberno de Alberto Núñez Feixoo nos que o país "foi a peor en todos os parámetros importantes", entre os que citou o "emprego", a "demografía" e os "servizos públicos".

"Eu non me resigno ao balance negativo que deixa Feixoo nin a un presidente que mentiu incluso co calendario electoral", remarcou, para lembrar que o  actual presidente da Xunta asegurou en varias ocasións que non había "ningún motivo" para adiantar os comicios galegos. "Incumpre unha vez máis a súa palabra para tentar lograr  algún vantaxismo que lle poida dar os réditos que foi perdendo", engadiu o líder das socialistas.

Caballero asegurou que as socialistas galegas están "preparadas". "Temos todos os deberes feitos para xerar o cambio que Galiza necesita e para facelo desde os valores do progresismo, do galeguismo, do compromiso ecolóxico, do compromiso coa política próxima á cidadanía e coa defensa dos servizos públicos. Imos cumprir coa Galiza", salientou.

Neste escenario, o secretario xeral do PSdeG apelou a unha "nova maioría social que emerxeu con forza" nas distintas convocatorias electorais do ano pasado para dicirlle a Feixoo que "non nos resignamos" á súa "falla de proxecto" para Galiza.

"Imos patear o país de arriba abaixo para falar con todas as galegas. Porque se hai moita participación o 5 de abril, non hai ninguén que pare o cambio", agregou o dirixente socialista, antes de ratificar que "nada está feito, pero o vento de cambio sopra con forza" cara a vindeira cita das galegas coas urnas.

"Preparado" para os "ataques feroces do PP"

Gonzalo Caballero, que asegurou que Pedro Sánchez o acompañará no "reto electoral", augurou que esta será unha "campaña moi intensa", mais deixou claro que está "preparado" para os "ataques feroces do PP".

"Saben que están acantoadas e que perderon a súa posición maioritaria", sinalou para comprometerse a "percorrer Galiza de 'cabo a rabo' para que todas as galegas vaian votar o Domingo de Ramos".

Comentarios