Caballero acusa Formoso de desertar de actos con Pedro Sánchez

O PSOE deixa a organización galega infrarrepresentada na súa nova executiva federal.
Gonzalo Caballero, no congreso do PSOE en Valencia (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gonzalo Caballero, no congreso do PSOE en Valencia (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, recordou esta segunda feira, 18 de outubro, que hai catro anos xa estivo aliñado co líder do PSOE, Pedro Sánchez, nas primarias en que se impuxo a Susana Díaz, mentres que "houbo  baronías" na Galiza que "tentaron decapitar" Sánchez, con quen os socialistas fecharon filas no congreso que decorreu esta fin de semana en Valencia.

Desta maneira acusou o seu adversario nas primarias polo liderado do PSdeG, Valentín González Formoso, de aliñarse co sector contrario a Sánchez naquel proceso interno.

É máis, culpouno mesmo de desertar nun mitin na campaña das últimas eleccións estatais na Coruña, a pesar de ser presidente da deputación e secretario provincial do partido na Coruña.

"Houbo quen non quixo estar en actos con Sánchez", espetou Caballero, que puxo o acento en que "cada quen se retrata" con "onde quere estar e onde non". Precisamente, nos últimos días tamén acusou Formoso de connivencia con Núñez Feixoo e de pasear con el en campaña. 

A división interna ao redor das primarias, datadas para 30 de outubro, non axudou o PSdeG en Valencia.

"Houbo quen non quixo estar en actos con Sánchez", espetou Caballero

Das 41 persoas electas para a Executiva federal do PSOE tan só hai unha galega: Pilar Cancela (próxima a Formoso) que repite como secretaria de Exterior. O PSdeG queda numericamente moi por baixo doutras federacións. 

No Comité Federal, de 107 postos electos, cinco son do PSdeG: a deputada Marina Ortega e o vicesecretario do PSdeG, Pablo Arangüena (ambos da confianza de Caballero), a alcaldesa da Coruña, Inés Rey (apoia Formoso) e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé (tanto o círculo de Caballero como o de Formoso reivindican que a proposta saíu deles). Tamén está Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra (non se ten inclinado aínda nas primarias). 

Comentarios