Caballero acusa Feixoo de practicar o "escapismo" e ínstao a acudir ao Parlamento

O PSdeG denuncia o "escapismo" do presidente da Xunta após as falidas medidas do Nadal.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa o 16 de novembro de 2020 (Imaxe: Europa Press).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (Foto: Europa Press).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, urxiu esta segunda feira, 18 de xaneiro, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a comparecer na Cámara galega ante o seu "escapismo" para "non asumir as súas responsabilidades" nos "erros das medidas que se puideron adoptar na loita contra a Covid-19", dixo o socialista, aseverando que o líder do Executivo non "quere dar contas da ausencia dun plan de rescate suficiente para a economía da Galiza".

Caballero afirmou que "non hai ningunha escusa" para que Feixoo non compareza no novo período de sesións na Cámara para explicar as medidas adoptadas fronte a pandemia, despois de que o PP vetase na pasada semana na Deputación Permanente do Parlamento galego a petición do BNG para que se producise a comparecencia de Feixoo, solicitude que foi apoiada polo PSdeG.

Após mostrar a súa "fonda preocupación" polo avance da terceira onda do coronavirus, Caballero pediu a Feixoo "non dilatar" máis as súas explicacións sobre a restricións e pediulle que presente un "plan de rescate suficiente para a economía da Galiza".

A este respecto, acusou o mandatario de estar "escondido en Monte Pío" e de "escapar das súas responsabilidades por non protexer as galegas e os galegos dos efectos" da terceira onda. 

Sobre esta cuestión, indicou que o propio presidente da Xunta "recoñeceu" que as medidas postas para o Nadal "non foron suficientes" e criticou que ao mesmo tempo estea a culpar da terceira onda a cidadanía.

"Navallada" aos Concellos

O líder do PSdeG tamén cargou contra "a navallada" da Xunta ao municipalismo no proxecto de orzamentos do Goberno galego para 2021 (nel redúcense as transferencias directas ás corporacións locais 127,1 millóns respecto a 2020).

Nese sentido, Caballero pediu a creación dun fondo extra cun mínimo de 100 millóns a repartir con "criterios obxectivos" entre os concellos.

Comentarios