Caballero acusa a Feixoo de "porse de perfil" ante o cisma na Alcaldía de Ourense

O secretario xeral dos socialistas galegos urxe ao presidente da Xunta a "arranxar o caos que xerou en Ourense"
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (Nós Diario).

As augas están revoltas polo Concello de Ourense, cunha situación política difícil de manexar. Tras esta realidade, o secretario xeral do PSdeG, Gonzálo Caballero, ve os intereses do Partido Popular por "manter o seu armazón de poder".

Segundo denunciou, a cidade de Ourense é "presa dos intereses do PP" mentres segue en mans dun alcalde, Gonzalo Pérez Jácome "que acaba de ser denunciado en Fiscalía polos seus compañeiros de Goberno".

Ante esta situación, o líder dos socialistas galegos invita ao presidente da Xunta de Galicia e do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, a "arranxar o caos que xerou en Ourense" antes da súa investidura. "Feixoo non se pode pór de perfil porque é a súa responsabilidade", incidiu Caballero, antes de remarcar que foi el quen "decidiu colocar a un alcalde que el mesmo consideraba letal para Ourense só por manter o caciquismo de Baltar á fronte da Deputación", a pesar de que os socialistas foron a forza máis votada nas últimas municipais na cidade.

"Ourense non merece ser noticia cada día polos desastres do alcalde que puxeron Feijóo e Baltar. O esperpento e as irregularidades non poden estar á fronte da terceira cidade de Galicia", concluíu Caballero.

Comentarios