Política

Caballero acusa Feixoo de evitar informar sobre a situación das residencias de maiores

O líder das socialistas galegas censura que o presidente galego non traslade toda a información sobre a situación grave que se mantén nas residencias galegas e aposta polo reparto gratuíto de máscaras para toda a poboación. 
O líder das socialistas galegas, Gonzalo Caballero (Nós Diario).
photo_camera O líder das socialistas galegas, Gonzalo Caballero (Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou esta segunda feira ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de evitar informar sobre a situación, os contaxios e os falecementos, nas residencias de maiores.

"Podemos facernos os parvos durante un tempo pero aquí ninguén é parvo e todos sabemos perfectamente que o presidente da Xunta está a evitar dar contas sobre o que está a ocorrer nas residencias de maiores", sostivo nunha rolda de prensa telemática.

Na súa intervención, Caballero explicou que as socialistas acoden con "vontade de colaboración" ás reunións cos líderes políticos que Feixoo convoca despois da conferencia de presidentes, mais advertiu de que estes encontros non poden servir de "estratexia" para que o titular da Xunta "esconda as súas responsabilidades" e evite "comparecer no Parlamento da Galiza", sede na que, segundo indicou, debería render contas cada 15 días.

Deste xeito, censurou que o presidente da Xunta non interveña para informar da situación nas residencias mentres si o fai para "porlle deberes de forma continua ao Goberno de España". "Gobernar Galicia é moito máis do que fai Feixoo. Gobernar Galicia é cumprir coas responsabilidades que hai en materia sanitaria, en servizos sociais e en materia económica nunha crise tan grave", sinalou.

Transparencia nas residencias

Nesta liña, despois de subliñar que o Executivo español está "a cumprir con decisións de enorme calado", Gonzalo Caballero censurou que a Xunta "non consiga tomar medidas de calado en moitos ámbitos nos que ten competencias".

Caballero incidiu en que a situación que atravesan as residencias segue sendo a principal preocupación e considerou necesaria unha "análise transparente" que permita pór encima da mesa toda a información relacionada cos contaxios e as mortes, incluídas as daquelas usuarias que fallecen sen ter un diagnóstico por COVID-19.

"O Goberno da Xunta ten que adoptar unha transparencia máxima nos contaxios e, especialmente, nos falecementos que se producen nesta crise, e trasladar unha información meticulosa e detallada", exixiu o socialista.

O líder socialista lembrou que o Consello de Contas alertou de que "as inspeccións non permitían corrixir" a situación das residencias. "Algunhas preferían evitar facer cambios antes de cumprir coas leis, incluso chegando a pagar multas porque lles saía máis rendíbel que facer as contratacións necesarias", censurou.

Por iso, considerou necesario cambiar un modelo que "permitiu que empresas privadas ou fondos de investimento non especializados en xeriatría tivesen un papel determinante" nestes ámbitos. "Sen dúbida Feixoo terá que explicar a súa política e a súa conivencia con certas empresas de xestión de residencias que son as que agora mostran situacións máis complexas", considerou.

Máscaras gratuítas 

Por outra banda, Gonzalo Caballero propuxo á Xunta un programa de provisión de máscaras de protección gratuítas para toda a poboación galega nas primeiras semanas do desconfinamento.

O socialista explicou que esta crise ten "distintas fases" e chamou a "prever" as medidas que hai que adoptar no escenario futuro, e nesta liña configurará un comité sanitario que estude e artelle as medidas e propostas nos distintos escenarios de evolución da crise da COVID-19.

"Non ten un custe inasumíbel nin excesivo para os orzamentos da Xunta", apuntou Caballero, quen defendeu que esta medida permitiría a todas as galegas acceder ás máscaras "en condicións de igualdade".

Comentarios