Caamaño, ex-ministro de Xustiza co PSOE, propón mudar a Lei de Axuizamento Criminal para evitar filtracións como as da 'Pokemon'

Fíxoo nunha entrevista concedida á Cadena Ser en que advogou por que a investigación non estea en mans de xuiz@s, senón do ministerio fiscal.

caamaño
photo_camera [Imaxe: PSdG-PSOE A Coruña]


O secretario provincial do PSdG-PSOE na Coruña e ex-ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, insistíu este domingo na necesidade de mudar a Lei de Axuizamento Criminal para evitar as filtracións aos medios de comunicación ou que cando se levanta o segredo do sumario este pase a ser público de maneira inmediata.

Sostén Caamaño, quen tamén é voceiro de Cultura no grupo parlamentar na Cámara galega que, tal e como está redactada, a normativa --aprobada en 1882-- "ventila na opinión pública a búsqueda dos primeiros indicios para xulgar alguén". Así se pronunciou nunha entrevista concedida á Cadena Ser en que mostrou o seu rexeitamento a que a investigación dun caso da emvergadura da operación Pokemon recaia n@s xuizas e xuices. 

"No resto dos países da nosa contorna quen investiga é o fiscal. E haberá quen diga que este depende do goberno. E é verdade, mais o meu garante non é o fiscal, senón o xuíz, que toma a decisión en último termo", analizou Caamaño, sentenciando que "non pode haber investigacións en mans de xuices" e que de se daren filtracións "ten que haber unha responsabilidade solidaria" dentro do tribunal onde se produciu. 

Eleccións europeas

Dixo Caamaño que o caso se atopa en fase de instrución, polo que "non é máis que unha investigación" e solicitou celeridade aos tibunais para deputar as reponsabilidades d@s imputad@s. Namentres isto non acontece, o ex-ministro de Xustiza falou das eleccións europeas.

Subliñou que "agardo" que na listaxe encabezada por Elena Valenciano vaia algún ou algunha candidata galega. "Fálase de Pepe", anticipou en referencia ao ex titular de Fomento José Blanco, mais matizou que non está nada pechado e destacou a importancia de lle facer entender á cidadanía que as políticas europeas están a causar prexuízos "porque goberna a dereita". Por derradeiro, desbotou a posibilidade de concorrer como cabeza de lista nas municipais para ser alcalde de Compostela.

Comentarios