Buques galegos teñen que se abandeirar noutros estados da UE para poder seguir a pescar

O deputado nacionalista Daniel Rodas denuncia que a “asfixia” de Bruxelas á frota galega leva a que esta teña que optar polo despezamento ou ben por cambiar a pavillóns coma o británico, “ sendo hoxe unha fonte de riqueza para a economía inglesa e un drama para a galega”

Barco
photo_camera Barco

A frota galega, a cada máis sen cotas de pesca e sen caladoiros. Un escenario que desde o BNG se atribúe en boa medida ás políticas impostas desde Bruxelas nas últimas décadas e que contaron co ‘placet’ do estado español e da Xunta. O deputado nacionalista Daniel Rodas lembra que desde a entrada na CEE “conseguiuse que os países fortes da UE, Francia, Reino Unido, Bélxica, Holanda, Dinamarca e Alemaña trocaran supostos dereitos históricos por cotas pesqueiras, e no reparto de cotas, lograron que o Estado español, vendera a Galiza, co cal hoxe carecemos de cotas suficientes para facer viábel a nosa frota”. Nesta situación, conclúe, a frota galega vese abocada ao despece ou ao cambio de pavillón.

“Galiza perde frota mentres outros países como Gran Bretaña e Irlanda están a incrementala”

Para o BNG, as medidas de asfixia impostas pola UE, obriga a que os armadores busquen alternativas ou soliciten a paralización e o despezamento. Así, nos últimos anos “máis de 20 buques de Gran Sol cambiaron a súa bandeira por pavillón británico. Buques que xeraban actividade e emprego nos nosos portos como “Udra, Sanamedio, Armaven Uno” Nos, O Genita, Coelleira, Piedras, Cabo Ortegal, entre outros, son hoxe unha fonte de riqueza para a economía inglesa e un drama para a economía galega”.

“Máis de 57 barcos solicitaron o despezamento e máis de 20 buques teñan cambiado de pavillón”

Propostas

O BNG presentou varias iniciativas no Parlamento galego instando ao Goberno galego a que “asuma a súa responsabilidade coa nosa pesca e adopte decisións urxentes para impedir que máis de 57 barcos estean a solicitar o desguace por non ter futuro ou que máis de 20 buques teñan cambiado de bandeira, para poder subsistir”

Comentarios