É O PORTAVOZ DA XESTORA DE PODEMOS

Buitrón ve precipitada a conversión de En Marea en partido e non cre urxente a autodeterminación

O responsábel da xestora de Podemos na Galiza e senador, José García Buitrón, non comparte a decisión de converter a curto prazo a coligazón En Marea en partido. Tampouco comparte a reivindicación do dereito de autodeterminación para Galiza, pois non o ve urxente.

[Imaxe: Radio Galega] Buitrón
photo_camera [Imaxe: Radio Galega] Buitrón

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, o portavoz da xestora de Podemos na Galiza e senador apuntou que lle parece “precipitado” que En Marea se converta nun partido político de cara a unha posíbel nova convocatoria de eleccións.

“Paréceme que en dous meses non hai tempo de facer un novo partido político na Galiza”, salientou o senador de Podemos, quen se amosou favorábel a que En Marea repita fórmula nas eleccións galegas, mais ampliando a confluencia ás mareas municipalistas.

En relación ao candidato ou candidata de En Marea á presidencia da Xunta dixo que avoga por unha persoa sen adscrición a ningún partido.

Aposta no encaixe das nacións na constitución española

A respeito do dereito de autodeterminación da Galiza, Buitrón expuxo que “non é unha urxencia”. “Outra cousa é que nunha reforma constitucional se recolla outro marco de relacións políticas das comunidades autónomas, e eu estaría a favor da decisión das distintas comunidades para decidir o seu propio marco e encaixe constitucional en España”, explicou.

Sobre a situación interna de Podemos na Galiza, admitiu que “non é nada cómoda”. E é que o senador foi designado por Madrid para encargarse da xestora creada tras apartar a Breogán Riobóo da primeira liña política da formación –aínda que segue a ser o secretario xeral de Podemos na Galiza. Sinalou ao respeito que mantivo “unha conversa cordial” con Riobóo, “dentro das dificultades que supoñen este tipo de rupturas”.

Comentarios