O Concello de Bueu exixe que se lles prohiban as balas de goma aos antidisturbios

A corporación buenense é a primeira da Galiza en pronunciarse ao respecto, uníndose a outros 15 municipios que aprobaron declaracións na mesma liña, todos de Catalunya


Anunciaran o debate para o primeiro pleno de xaneiro, mais non cumpriu tal debate. O Concello de Bueu aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo municipal do BNG en que insta á Xunta de Galiza a demandar que o Goberno español proceda "á prohibición do uso de balas de goma" aos antidisturbios.

Polo mesmo acordo súmase á campaña estatal Stop balas de goma e pasa a sumarse aos outros 14 municipios que quitaron adiante en 2012 un manifesto con similar obxectivo, todos en Catalunya. O BNG de Compostela solicitou xa a moción para presentala tamén á corporación que goberna con maioría absoluta o conservador Ángel Currás.

No texto denúnciase que desde 1990 máis de 25 persoas perderon un ollo no Estado a causa destes proxectís. Tamén houbo mort@s. En 1995 o impacto no seu ventre producido por unha bala de goma disparada por axentes da Ertzaintza --colocándolle a pistola en contacto directo co corpo-- asasinou a Rosa Zarra namentres facía parte dunha mobilización contra a carga policial durante o enterro de Lasa e Zabala, asasinados polos GAL en 1983.

Máis recentemente, en 2012, máis unha pelota de goma tamén disparada pola Ertzaintza matou o siareiro do Athletic Íñigo Cabacas, quen botou catro días en estado de coma a causa das lesións cerebrais que lle causou o impacto do proxectil. Así as cousas, o grupo que presenta a denuncia en Bueu, o BNG, salienta que algunhas forzas e corpos de seguridade do Estado "son das poucas policías que utilizan balas de goma en manifestacións e eventos públicos".

"O Parlamento Europeo, tras uns feitos acaecidos en Irlanda do Norte en 1982, nos que morreron 12 persoas e sete delas menores de 15 anos, instou aos países membros á prohibición deste tipo de armas contra a poboación civil", e pronunciouse no mesmo sentido en 1984 e en 1997. Aliás, sinala o texto desta iniciativa que estes proxectís poden acadar unha velocidade de 720 quilómetros por hora. Alerta, así mesmo, de que poden danos permanentes en órganos vitais e que son dificilmente controlábeis, xa que ao seren disparadas defórmanse e non seguen unha traxectoria predefinida.

Comentarios