Bruzos dá a Villares por “inhabilitado” para liderar En Marea

Recoñece que a opción de que a candidatura de ‘Entre Todas’ se retire do proceso de primarias está sobre a mesa.

DAVID BRUZOS MAREA
photo_camera DAVID BRUZOS MAREA

David Bruzos, cabeza de lista da candidatura ‘Entre Todas’, considera que “as decisión de Luis Villares neste último mes inhabilítano como líder de En Marea” no plano orgánico. Unhas declaracións que fixo esta sexta feira á Radio Galega e que recolle Europa Press, onde tamén expresou as súas “dúbidas” sobre a seguridade da nova plataforma de votación para as primarias que arrancan este sábado, 22 de decembro. A actuación da dirección de En Marea a respecto do comité electoral cualifícaa Bruzos de  “asalto completo” para controlar este órgano.

De por parte, Luis Villares considera que sería “unha mágoa” que o sector crítico optase finalmente por non participar nas primarias de En Marea e di que isto sería “negar aos seus propios inscritos” a posibilidade de decidir que organización queren.

Nestas horas decidirase se ‘Entre todas’ concorrerá nestas primarias ou retirarase. Anova e o alcalde de Compostela son partidarios de presentarse mentres que Podemos e Esquerda Unida optan por retirar a candidatura para non validar unhas votacións que, consideran, non reúnen garantías nin seguridade.

Comentarios