Bruxelas deberá responder pola construción dunha autovía no corazón da Ribeira Sacra

O eurodeputado de Aralar, Iñaki Irazabalbeitia, preguntou a instancias do BNG polo proxecto de contrución da A-76 nun espazo natural protexido. A iniciativa recolle as demandas da Plataforma veciñal contra o proxecto. 

A76
photo_camera [Imaxe: Iago Lestegás]

O proxecto de contrución da autovía que une Ponferrada e Ourense mobilizou nas últimas semanas un importante movemento veciñal en contra. E é que o deseño aprobado polo Ministerio de Fomento pon en perigo un dos espazos naturais máis valorados do país --en termos paisaxísticos-- protexido, aliás, pola Unión Europea através da Rede Natura. 

Agora, Bruxelas deberá pronunciarse a respeito dos plans do goberno español. Faráo após a pregunta formulada polo eurodeputado de Aralar, Iñaki Irazabalbeitia, rexistrada por petición da representante do BNG na Eurocámara, Ana Miranda. Nela, exixen ás institucións comunitarias explicaren as razóns que motivan a construción da A-76 nun "espazo natural de especial fraxilidade paisaxística" que, asemade, lembran, "está en trámite de preparación" para se candidatar como Patrimonio da Humanidade perante a UNESCO. Unha candidatura, cumpre sinalar, impulsada polas Deputacións de Ourense e Lugo. 

Unha obra "innecesaria" que reflicte "intereses lucrativos"

Desde a coligación electoral coidan que o proxecto de construción da autovía no corazón da Ribeira Sacra "está en contradición" con esa aposta por acadar o máximo recoñecemento internacional e supón, apuntan na súa iniciativa BNG e Aralar, unha obra "innecesaria" que só evidencia "intereses lucrativos". 

A pregunta rexistrada no Parlamento europeo recolle as demandas do movemento veciñal organizado na Plataforma Non á A-76 na Ribeira Sacra. Neste senso, demandan á Comisión europea que explique se a autovía contará con fondos europeos e se se iniciará un expediente sancionador contra o Estado español por deseñar un proxecto que atinxe un espazo natural dobremente protexido pola UE e recollido na Rede Natura 2000. 

Desde a Plataforma aseguran que de se construír suporá "un atentado medioambiental contra a Ribeira Sacra" xa que, "vai arrasar case todo". Aliás, afirman que existen alternativas e mesmo coidan "innecesaria" a creación da A-76 habida conta do volume de tráfico que actualmente se despraza entre Ourense e Ponferrada. 

Comentarios