REBéLANSE CONTRA MADRID

Os “breoganistas” organízanse na plataforma Democracia Podemos

A crise interna que vive Podemos na Galiza intensifícase coa creación dunha nova plataforma en apoio a Breogán Riobóo, Democracia Podemos. Plántanlle cara a Madrid ao advertir de que o actual secretario xeral non pode ser revogado máis que pola asemblea cidadá.

Breogán Rioboo podemos Imaxe A3 Galicia
photo_camera Breogán Rioboo podemos Imaxe A3 Galicia

Novo capítulo da crise interna que sofre Podemos no país. Unha ducia de secretarios xerais de distintas localidades organízanse nunha plataforma, denominada Democracia Podemos, e advirten de que Breogán Rioboo non pode ser revogado máis que pola asemblea cidadá.

Este colectivo, integrado, segundo La Voz de Galicia, por responsábeis locais de Arzúa, Neda, Valdoviño, Viveiro, O Saviñao, Ribeira, Cerceda, Arteixo, Verín, O Carballiño, Ames e Marín, entre outras persoas, denuncian que as eleccións non cumpren os estatutos de Podemos e apelan á Comisión de Garantías estatal a se pronunciaren. Así, ameazan con pedir a invalidación da convocatoria electoral.

Democracia Podemos sinala que Breogán Rioboo –cualificado desde Madrid como secretario xeral sen atribucións- nin dimitiu nin incumpriu ningún dos principios organizativos da formación.

A comisión xestora que se encarga a día de hoxe de Podemos na Galiza anunciou esta sexta feira que o proceso electoral interno dará comezo o 15 de marzo e que os resultados se coñecerán o 12 de abril.

Comentarios