APóS CANDIDATARSE ÁNGELA RODRíGUEZ E C. SANTOS

Breogán Riobóo presenta a súa candidatura como unha moción de confianza para revalidar o cargo

O aínda secretario xeral de Podemos na Galiza admitiu na mañá da quinta feira que aspira a a Secretaría Xeral da formación política como unha moción de confianza após presentaren dúas membros de Podemos as súas candidaturas.

Breogán Riobóo
photo_camera Breogán Riobóo

Nunha entrevista concedida á Radio Galicia-Cadena Ser, Breogán Riobóo admitiu que decidiu presentar a súa candidatura á Secretaría Xeral de Podemos como unha “moción de confianza” para revalidar o cargo. Di non entender “en base a que presentan unha candidatura á Secretaría Xeral” Ángela Rodríguez e Carmen Santos cando o cargo de secretario xeral “está en vigor”.

“Eu até o día 15, cando comeza o proceso de primarias como tal, non falo. Non digo absolutamente nada, porque entendo que a Secretaría Xeral segue en vigor e por iso fun á reunión de Madrid”, sinalou na entrevista. “No momento en que dúas compañeiras, á marxe do que din os documentos e os estatutos, anuncian as súas candidaturas á Secretaría Xeral, vendo isto, véxome na obriga de presentarme e de tomar este proceso como unha moción de confianza”, engadiu.

Nunha recente entrevista publicada no Sermos Galiza nº187, Breogán Riobóo xa daba conta das chaves da súa candidatura á reelección como secretario xeral de Podemos na Galiza, que a día de hoxe se atopa xerido baixo unha xestora imposta por Madrid e capitaneada polo senador García Buitrón.

Comentarios