Breogán Riobóo mantén a posición e desbota convocar primarias

Afirma que Gómez-Reino e Ángela Rodríguez non contestaron as súas peticións de manter reunións para subsanar as diferenzas internas no partido. Insiste en que serán as bases quen decidan a fórmula de concorrencia ás eleccións galegas.

Breogán Rioboo podemos Imaxe A3 Galicia
photo_camera Breogán Rioboo durante a rolda de impresa. Imaxe: A3 Galicia

Breogán Riobóo mantén a posición. Seguirá na secretaría xeral de Podemos Galiza porque foi “elexido pola xente” e desbota primarias para renovar o cargo. Así o manifestou Riobóo nunha comparecencia de imprensa na Coruña horas despois da dirección estatal anunciar que fica disolta a dirección galega e que nomeará unha “equipa técnica”. Para Riobóo esa decisión da cúpula estatal afecta o consello cidadán galego e a comisión de garnatías, mais non a secretaría xeral.

“Teño a firme convicción de seguir nas miñas funcións e responsabilidades e defender estes principios, e farei todo o que estea na miña man para que nas eleccións galegas sexa a xente de Podemos Galiza a que decida como concorrer”, afirmou. Riobóo mantén así o pulso sobre a fórmula para a cita autonómica, un tema que está no alicerce da crise que vive a formación galega. Pablo Iglesias e o sector representado polos parlamentares de Podemos Galiza (os deputados Gómez Reino e Ángeles Rodríguez, e o senador García Buitrón) son defensores de manter a aposta en En Marea, algo que Breogán Riobóo cuestionou. Volveu, na comparencia de imprensa desta cuarta feira, a decidir que ese tema decidirano as bases.

Teño a firme convicción de seguir nas miñas funcións e responsabilidades. Farei todo o que estea na miña man para que nas eleccións galegas sexa a xente de Podemos Galiza a que decida como concorrer”

Tampouco entende, dixo, “a necesidade dun equipo técnico – como denomina á xestora a dirección estatal- cando xa o hai elexido pola xente de Podemos Galiza”. Reprochou os demisionarios que “procuren en último caso saltarse os estatutos de Podemos” e “crear estruturas paralelas aos órganos que forman” o partido en Galiza para “baleirar de funcións” o consello cidadán galego.

Riobóo recoñece que hai diferenzas cos parlamentares de Podemos Galiza, mais asegurou que embora lles remitiu varios escritos para manter xuntanzas e intentar resolver esas diverxencias, non recibiu resposta.

Comentarios