AVALIACIóN DAS ELECCIóNS CATALáS

Breogán Riobóo afirma que a "irresponsabilidade" de Rajoy "incentiva" o independentismo

Primeira avaliación de Podemos Galiza dos resultados das eleccións catalás.

Podemos Galiza
photo_camera Breogán Riobóo, nunha comparecencia ante os meios

O secretario xeral de Podemos Galiza, Bregoán Riobóo, atendeu os meios após tomar parte nun almorzo informativo do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. E nese marco deslizou a súa interpretación do 27S. Esforzouse en todo momento por enfatizar que os resultados cataláns non son extrapolábeis nen á política española nen á galega. O contexto galego "é ben distinto do catalán", afirmou en declaracións recollidas por Europa Press. O contexto sería distinto e tamén o serían as organizacións políticas e a cidadanía, "que ten unha percepción distinta das eleccións".

Riobóo enfiou tamén un discurso segundo o cal o independentismo catalán medrou nos últimos en Catalunya pola "irresponsabilidade" do Partido Popular de Rajoy. "Hai 10 anos o independentismo representaba un 20 por cento en Catalunya e hoxe está no 47,48%", acrecentou. "Sorprende a irresponsabilidade" [de Rajoy] "que o que fai é incentivar o independentismo". "Fica patente que o que levamos dicendo en Podemos desde hai moito tempo é certo: que o PP é a maior fábrica de independentismo do Estado", salientou.

Na mesma liña de Pablo Iglesias, o secretario xeral de Podemos Galiza concedeu que os resultados do seu partido en Catalunya foron "decepcionantes, tendo en conta o que se esperaba". E a razón diso? Aquí Riobóo alude tamén o contexto: "As [eleccións] catalás estaban moi polarizadas polo vector do soberanismo".

Comentarios