Con 21 anos Aitor Bouza accedeu á secretaría xeral das Xuventudes Socialistas. Foi en abril de 2013. Máis de seis anos despois, Bouza apresenta a súa demisión como número un das mocidades do PSdeG, xustificando a súa decisión por motivos "estritamente persoais e profesionais". Así asegurou esta cuarta feira 28 de agosto en declaracións públicas na sede do partido. Agora será o comité executivo federal quen nomee unha dirección provisional.
Vestindo a camiseta 'Defende a Galega' (reivindicando unha televisión pública, sen precariedade e libre de manipulación para a Galiza), Bouza anunciou a súa decisión de abandonar a secretaría xeral, que xa comunicou ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, e ao secretario xeral das Xuventudes Socialistas no Estado.
Bouza afirmou que este paso atrás "non responde a ningunha cuestión política nin orgánica", senón que, de feito, é unha medida "coherente" coa "palabra dada" cando apresentou a súa candidatura en novembro do ano pasado.
A executiva nacional xa designou un comité electoral para preparar as eleccións, sen prazo estabelecido, mais o secretario xeral saínte entende que se realizarán "canto antes".
Bouza amosou satisfacción por deixar unha organización "renovada, forte e unida", que sumou militancia nos últimos meses, segundo os seus datos, e que xerou agrupacións locais "activas", co obxectivo de contribuír a que o PSdeG goberne a Xunta tras os próximos comicios autonómicos.
"O mellor que lle pode pasar a Galiza é que a Xunta deixe de ser a Xunta de Feixoo e os seus amiguiños" , afirmou Bouza
"O mellor que lle pode pasar a Galiza é que a Xunta deixe de ser a Xunta de Feixoo e os seus amiguiños" e valorou que "hoxe" a Galiza “é socialista en parte grazas" ao traballo das Xuventudes.
Afirmou que "estará á altura" e incidiu en que neste momento "toca centrarse" no seu futuro profesional, convencido de que o líder do PSOE, Pedro Sánchez, e o do partido na Galiza, Gonzalo Caballero, encarnan a opción máis adecuada para "construír unha sociedade máis xusta e igualitaria".