TRAXEDIA

Bombeiros da Coruña tamén critican a “mala xestión” en Angrois e a privatización do servizo

Aseguran que non se coordinaron ben os servizos de emerxencia, o que obrigou a que os habitantes da zona tivesen que traballar no rescate moitas máis horas das necesarias. Aliás, denuncian o modelo de xestión privada do servizo contra-incendios que se está a desenvolver na Galiza

Bombeiros despregados no sinistro de Angrois
photo_camera Bombeiros despregados no sinistro de Angrois

Bombeiros do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamentos da Coruña sumáronse ás críticas de varios colectivos e tamén denunciaron mediante unha nota pública a “mala xestión da urxencia” no accidente ferroviario de Compostela no que faleceron 79 persoas. @s bombeir@s coruñeses poñen como exemplo desa falta de coordinacións o feito de que a veciñanza de Angrois tivese que traballar durante varias horas no rescate. “O persoal civil que colaborou na intervención non debeu permanecer durante tanto tempo no lugar se houbese unha boa organización oficial”, afirman.

"A equipa de bombeiros coruñesa sinala que após teren ofrecido os seus "medios materiais e persoais" para colaborar no operativo de rescate o 112 non tomou en consideración a súa oferta"

O comunicado conta co respaldo das catro centrais sindicais representadas no persoal e no mesmo os coruñeses contan que se puxeron a disposición dos responsábeis da xestión da intervención, “ofrecendo medios persoais e materiais”, o cal “non foi tomado en consideración polos responsábeis da xestión da urxencia”. “Tamén coincidimos cos bombeiros composteláns na necesidade dun mando único que dirixa e coordine todas as actividades en calquera sinistro desa magnitude, o cal non sucedeu ese día”, engaden.
No seu escrito, os bombeiros da Coruña recoñecen o labor dos seus compañeiros de Compostela e mostran o seu “recoñecemento e apoio incondicional” a todas as persoas que participaron nas tarefas de rescate.

 

Defenden a xestión pública fronte a privatización do servizo

O SEIS da Coruña denuncia o "modelo de xestión privada" que se está a implantar na Galiza e responsabiliza da "mala xestión" do servizo á Xunta de Galiza e a Deputación da Coruña --ambas as dúas gobernadas con maioría absoluta polo Partido Popular. Ao igual que asegurara a equipa de bombeir@s de Compostela, desde a Coruña sinalan que o modelo defendido pol@s populares "baséase en criterios políticos e económicos" sen reparar "na eficacia e a calidade do servizo". Cuestión, alertan, que non "garante a seguridade dos cidadáns". 

Critican o modelo de xestión privada que se está a implantar na Galiza porque din "non garante a seguridade da cidadanía"

Para o SEIS coruñés o modelo deita "parques de bombeiros mal ubicados" que non visan unha xestión dos recursos e dos tempos acaída polo que urxen a constitución dun servizo de bombeiros públicos que chegue a tod@s @s galeg@s "en igualdade de condicións" garantindo un servizo de calidade e que rexeite "sistemas precarios como o actual" baseado, denuncian, "na xestión indirecta (empresa privada)". 

Os parques de bombeiros privados do país iniciarán unha folga indefinida o vindeiro 28 de agosto para loitar "contra a impunidade" das empresas concesionarias que pretenden precarizar as condicións laborais das equipas. 

Comentarios