Política

BNG denuncia a "manipulación" dos medios públicos e traslada o seu apoio a Defende a Galega

Olalla Rodil sinala que a función da televisión e da radio públicas é "facilitar unha información próxima, plural, veraz e obxectiva" para toda a cidadanía. 
Olalla Rodil na rolda de prensa desta sexta feira (BNG).
photo_camera Olalla Rodil na rolda de prensa desta sexta feira (BNG).

O Bloque Nacionalista Galego súmase á celebración dos cen venres negros  na CRTVG para denunciar o "control" e "manipulación" que o Partido Popular leva a cabo nos medios públicos para "convertelos na súa particular canle de propaganda". 

As nacionalistas reclaman "unha CRTVG ao servizo da sociedade galega, como reivindican desde hai un cento de semanas os e as profesionais de Defende a Galega, na que é a maior mobilización na historia do ente público".

"A CRTVG débese a todas as galegas e galegos que a financian con máis de 100 millóns de euros anuais, pero o PP converteu os medios públicos na súa terminal de propaganda a base de control político e de manipulación como veñen denunciando semana a semana, desde hai cen, as traballadoras e traballadores de Defende a Galega. Control político da man do seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, posto a dedo en 2009 por Feixoo e perpetuado no cargo pola porta de atrás en contra do disposto na Lei de medios públicos da Galiza", denuncia a viceportavoz parlamentar do BNG, Olalla Rodil.

Desde o BNG trasladan o seu recoñecemento ás traballadoras dos medios públicos, que "levan cen semanas defendendo o dereito da cidadanía galega a contar cunha radio e televisión públicas que cumpran a función para a que foron creadas".

Isto é, segundo abundou Rodil, "facilitar unha información próxima, plural, veraz e obxectiva, un dereito fundamental que debe ser garantido en calquera circunstancia pero máis en momentos de excepcionalidade como os que estamos a vivir".

"Propaganda do PP"

"A crise do coronavirus traerá moitas mudanzas e cando pase haberá que reflexionar tamén sobre o papel dos medios públicos, porque a saúde dunha sociedade tamén se mide en termos democráticos e a nosa, neste momento, é de baixa calidade, co Parlamento amordazado e cuns medios públicos convertidos en terminal de propaganda do PP", incidiu.

A formación nacionalista aposta por impulsar cambios que permitan "despolitizar" a radio e a televisión públicas, empezando pola súa Dirección Xeral. Así mesmo, fan referencia á necesidade de "garantir os dereitos profesionais e laborais do seu cadro de persoal" e, en definitiva, facer unha aposta "por pór os medios públicos ao servizo da sociedade galega". 

"É indecente que nun contexto excepcional os medios de comunicación públicos silencien sesións parlamentares pero dediquen horas a retransmitir as roldas de prensa presidencias: nun mes 16 veces, 800 minutos de pantalla. Propaganda televisada para culto dun líder que se nega a comparecer no Parlamento, onde reside a soberanía popular", critica Rodil.

Comentarios