17M: todo pronto para a cita coa XIV Asemblea do BNG

'Galiza polo dereito a decidir. Soberanía, Traballo e Igualdade". En poucas horas dará inicio baixo este lema a XIV Asemblea Nacional do BNG, este domingo 17 de Marzo (@s asembleístas poden comezar a se acreditar apartir das 8.30 horas). Todo pronto para unha cita na que a organización frentista aprobará as teses a debate e elixirá novo Consello Nacional e portavoz, Xavier Vence.
asemblea BNG

Todo pronto no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela para este domingo 17 de Marzo acoller a XIV Asemblea Nacional do BNG. Unha cita á que se chega após meses de debates nas asembleas locais e comarcais da fronte nacionalista, debates que callaron no relatorio político que a militancia volverá a analizar e votar. Nesta Asemblea, a número 14 na historia do BNG, a afiliación do Bloque tamén escollerá novo consello nacional e portavoz nacional, que collerá o testemuño que deixa Guillerme Vázquez.

A candidatura encabezada por Xavier Vence (economista, con máis de 35 anos de militancia no nacionalismo) é, en palabras do propio Guillerme, "plural e ilusionante" e "idónea para encabezar esta nova etapa". Alén do máis, a proposta contempla, no que atinxe á nova Executiva do BNG, unha renovación sen precedentes, con 12 caras novas. Da dirección saínte só fican 3 nomes: Francisco Jorquera, portavoz no Parlamento galego; Montse Prado, secretaria de Organización; e Rafa Vilar, o referente do Movemento Galego ao Socialismo.

Soberanía, ferramenta contra a crise e pola igualdade e xustiza social

Nas teses debatidas en asembleas de base durante todo este tempo e que este domingo se debaten no plenario da Asemblea Nacional polo conxunto da militancia hai unha aposta en adaptar a liña política do BNG á nova realidade imposta pola crise económica e social, ben como para ofrecer un proxecto político de utilidade no camiño de conquistar "unha Galiza democrática, soberana e con xustiza social" que recupere "a confianza da sociedade galega".

Unhas apostas que se concretizan no lema desta XIV Asemblea: 'Galiza polo dereito a decidir. Soberanía, Traballo e Igualdade".

Redes sociais

Nas horas previas a esta asemblea as redes sociais recolleron opinións e achegas en relación a esta cita congresual.. Desde @Cascarelo ("Já é primavera no bairro de S. Lázaro, com a Festa da Unha e a Assembleia Nacional do BNG") até @jorqueracaselas ("Galiza polo dereito a decidir. A Asemblea do BNG dara un novo impulso para loitar pola soberania, o traballo e a igualdade"). De @xarubal ("Hai que facer propostas políticas claras, valentes, VERDADEIRAS") a @carmeadan (Recoñecendo erros, buscando solucións"), esta asemblea é entendida como fulcral para a fronte nacionalista.

De feito, e ao longo destas semanas, hashtags como #Contigo17M ou #proponnnosco serviron como ágoras de encontro, achegas e debates entre militancia e simpatizantes.

Desde ben cediño

As portas do Palacio de Congresos abriranse ás 8.30 horas para comezar o proceso de acreditación d@s asistentes. Entre as 10:00 e 10:30 vaise proceder á votación da orde do día, alén do debate e votación das emendas ao Regulamento, ben como o método de votación do Consello Nacional (en pleno ou en urna).

Finalizado este procedemento previo, haberá media hora para a presentación do relatorio político e do informe de xestión. Unha vez presentados abrirarse (11:00 e durante hora e media) un debate de totalidade de ambos os dous documentos. Ás 12:30 votarase o informe de xestión.

Entre 12:30 e 15:00 submeteranse a debate as emendas e votos particulares ao relatorio político, após o cal se votará o conxunto das teses.

Consello Nacional

Ás 17:00 horas é a quenda da presentación de candidaturas ao Consello Nacional e votación. Finalizada a votación, terá lugar a clausura, que variará dependendo de se a votación foi en pleno (entón, a clausura será ás 17 horas) ou en urna (19 horas). A clausura comprende a proclamación do Consello e da Executiva Nacional, os saúdos ás delegacións convidadas e a intervención final do novo Portavoz Nacional do BNG.

Comentarios