O BNG volve ao Congreso e evita que Vox teña escano por Galiza

As enquisas publicadas pasadas as 20 horas deste domingo puñan o foco a nivel galego no BNG, que disputaba o seu escano pola circunscrición da Coruña con Vox. A forza nacionalista sobe e supera a barreira dos 118.000 votos; PP e PSOE empatan a dez escanos, cunha lixeira vantaxe dos populares, e En Común-Unidas Podemos mantén a representación malia caer en apoios.

IMG-20191110-WA0045
photo_camera Colexio electoral de Meirama, en Cerceda (SG)

#DestaVai, dicía a forza nacionalista a través das redes sociais durante a campaña electoral. E desta, foi. Case sete anos despois das eleccións estatais de novembro de 2011 -as últimas nas que obtivo representación-, o BNG regresa ao Congreso e faino evitando a representación de Vox por Galiza e rompendo, así, coa tónica xeral de España -no conxunto do Estado a formación ultraespañolista subiu até ocupar a terceira posición en apoios, por diante de En Común-Unidas Podemos.

O Bloque Nacionalista Galego volve da man de Néstor Rego, que recuncaba como cabeza de cartel pola circunscrición da Coruña, na que conseguía os mellores resultados en abril (o 6,6% do voto). No conxunto da Galiza, co 98% escrutado, o BNG obtén máis de 118.000 papeletas, 8,14% dos apoios. Por circunscricións, faise con 57.216 votos, 9,53% na Coruña (en abril lograra 45.095 papeletas e 6,66% dos votos); con 12.853 e 7,21% en Lugo (en abril, 9.658 e 4,83%); con 10.143 e 6,02% en Ourense (en abril, 7.548 e 3,92%) e con 38.367 votos, 7,50% en Pontevedra (en abril, 32.132 e 5,58% dos apoios).

No mes de abril, aínda que o BNG non conseguira asento no Congreso, evidenciábase a remontada da formación liderada por Ana Pontón, ao duplicar os votos a respecto das anteriores eleccións estatais, as de 2016. Pasaba entón de contar co 2,89% do apoio ao 5,7%. O novo ascenso do BNG deixa as nacionalistas con máis do 8% das papeletas.

Sobe o PP e baixan PSOE e En Común Unidas-Podemos

Quen tamén sobe na Galiza é o PP (de 27,42% de abril a 31,98%), que supera en máis de 10.000 votos o PSOE (cae de 32,09% a 31,28%, máis de 100.000 votos). Ambos os dous partidos empatan en número de escanos, un total de dez. Marta González, Tristana Moraleja e María Valentina Martínez (A Coruña); Jaime de Olano e Joaquín María García (Lugo); Ana Belén Vázquez e Celso Luís Delgado (Ourense) e María Pilar Ramallo, Diego Gago e Javier Bas (Pontevedra) son os representantes do PP electos. Pilar Cancela, Pablo Arangüena, María Montserrat García (A Coruña); Ana Prieto e Javier Cerqueiro (Lugo); Marina Ortega e Adolfo Pérez (Ourense) e María Olga Alonso, Guillermo Meijón e María Ángeles Marra (Pontevedra) son as deputadas e deputados electos polo PSOE.

Como terceira forza política continúa En Común-Unidas Podemos, que pasa do 14,46% dos votos a 12,63% e cede máis de 70.000 votos. Aínda así, mantén as actas de Antón Gómez Reino pola Coruña e de Yolanda Díaz por Pontevedra.

Após o BNG, que actuou como dique de contención de Vox na Galiza, sitúase o partido ultraespañolista, que crece do 5,29% de abril a 7,80% de novembro e recolle máis de 103.000 votos.

Ciudadanos perde a representación ao descender do 11,18% de número de votos a 4,32%. Más País apenas supera os 20.000 apoios, co 1,52%. Ségueo PACMA, que cae de 1,05% a 0,74%.

En relación aos datos de participación, malia as cifras adiantadas polo Ministerio das 14 horas e das 18 horas, finalmente, aumentou o número de persoas que acudiron a votar este 10 de novembro. O 28 de abril, acudía ás urnas o 61,8% das electoras e electores con dereito a voto. Este domingo facíao o 66,62%. Máis unha diferenza do comportamento de Galiza a respeito do conxunto do Estado, onde a participación caeu de 71,77% a 69,87%.

Resultados no Senado

No Senado o PP consegue 11 representantes, tres máis que nas eleccións de abril, fronte aos 5 que logra o PSOE (perde 3 a respecto dos anteriores comicios).

 
 

Comentarios