Ánxela Franco, deputada provincial do BNG

"O BNG veu á Deputación para cambiala"

Publicamos a última entrevista de Ánxela Franco concedida ao semanario en papel Sermos Galiza número 284, do 15 de febreiro de 2018. Conversa en que falou do traballo á fronte da área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña.

Ánxela Franco
photo_camera [Imaxe: Deputación da Coruña] Ánxela Franco

Desborda enerxía. Anuncia que, de comezar a citar os proxectos que impulsa desde a Área de Igualdade e Benestar Social da Deputación da Coruña que ela dirixe, precisaría dun tempo que excede esta entrevista. Ánxela Franco Pouso, concelleira do BNG en Porto do Son, defende que a área de servizos sociais é un investimento no máis urxente e necesario e critica que o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, “siga tratándoa como área de gasto”. Con entusiasmo, aposta en situar as persoas e as súas necesidades como o centro da acción de goberno. Neste sentido, destaca que a Deputación da Coruña se está a situar á cabeza da loita pola igualdade das mulleres desde as institucións.

Na Área de Igualdade e de Benestar Social non comezades a casa polo tellado. Estades a desenvolver un ambicioso proxecto de diagnose e estudo das necesidades dos concellos coruñeses a respeito da muller e dos servizos sociais. Non son habituais estes procedementos nas administracións públicas. A que responde esta liña de traballo?

Cando chegamos ao goberno da Deputación, había moita subvención nominativa froito da forma de goberno propia do PP. Cal é o problema? Se non coñecemos a realidade social e o contorno, tampouco saberemos que necesidades realmente hai que cubrir. De aí sae o estudo ao redor do mundo das mulleres e tamén do benestar nos concellos. Este traballo xa tiña que ser iniciativa da propia Xunta. A miña pregunta é como podes actuar con eficacia se descoñeces a realidade que tes?

Estamos moi orgullosas como área de ter dado este paso e a pena é non ter xa os resultados enriba da mesa. Unha vez os teñamos, faremos unha reconstrución das fórmulas de subvención, tanto para entidades como para administracións, para que o diñeiro sexa eficiente á hora de actuar. Tratamos de facermos así con todo. Por exemplo, para construírmos a igualdade nos centros de ensino, antes de encetarmos un proxecto, estudamos ese centro, aquí non é café con leite para todos. E é que non é igual un concello como o da Coruña que un da Costa da Morte. A ninguén se lle ocorrería chegar a unha praia e plantar patacas. Para plantar algo, hai que ter o terreo aboado e así é como realmente transformas. Quizais eleitoralmente non sexa o máis rendíbel, mais a nós o que nos interesa é deixar e, sobre todo, continuar un traballo moi ben feito.

Cales son as previsións temporais desas diagnoses?

A de muller rematarase a finais deste ano e tivemos a fortuna de que a empresa que colleu a diagnose de benestar solicitou rematar o traballo antes, co cal, antes de que remate o mandato teremos dous documentos con moitísimo peso e información.

Marcarán a folla de rota da vosa área.

Si, e determinarán o mellor uso dos recursos, que é o máis importante. Chama a atención esa aposta no futuro, tendo en conta que as medidas se aplicarán en 2019, ás portas das eleccións municipais e cando remata o mandato actual. Nós aspiramos a seguir no goberno e continuar avanzando na liña do que levamos feito, que é moito e sólido. Cremos realmente no que facemos. O BNG na Deputación da Coruña aposta nas cousas importantes, mentres outros gobernan por urxencias.

O BNG veu á Deputación para cambiala e como exemplo temos o Plan Único, unha aposta decidida na autonomía dos concellos que supón mudar a política municipal e co maior orzamento consignado nun plan da Deputación na súa historia (188 millóns de 2017 a 2018). Para min, e falo a nivel persoal, sería o pesar máis grande levar catro anos na Deputación e non deixala impregnada de cousas boas para a xente. Sinceramente, considero que na nosa área estamos a facer unha transformación de fondo e estou moi orgullosa e satisfeita do traballo feito. O Plan Único e a aposta seria en benestar pode ser un antes e un despois na deputación e a respeito da igualdade, a Deputación está á cabeza das institucións.

Consideras que desde as administracións públicas se está a destinar todo o investimento que se pode para fomentar a igualdade e para loitar contra a violencia machista?

En primeiro lugar, quen crea as leis son os gobernos da Xunta e do Estado e non contemplan máis que campañas puntuais. As mulleres formamos parte da sociedade e, polo tanto, se non modificas actitudes desde a primeira etapa da infancia a través da educación non estás facendo nada. Case todas as actividades que desenvolvemos en igualdade proxéctanse cara ao ensino e a idades onde aínda se poden modificar comportamentos e recoñecer actitudes machistas para que a xente, unha vez que detecta os problemas, poida cambiar a súa forma de vida.

Cal é a interlocución co Goberno galego sendo vós, como é o caso, unha das administracións públicas que está máis á vangarda a respeito da igualdade?

A descoordinación entre as administracións á hora de ofrecer programación é absoluta. Nós pasámoslle toda a información á Xunta, mais eles a nós nada. Isto díxoselle á secretaria xeral, mais non tomou nota de nada. Cando se estaba traballando no decreto para o novo funcionamento dos CIM [Centros de Información á Muller], nós soubemos que estaban a facer as presentacións e enviámoslles un correo para pedirlles se podían convidar o persoal técnico da Área de Igualdade da Deputación a participar e responderon que cando se publicase no DOG podiamos presentar as alegacións que quixeramos. Levamos desde o minuto un ofrecéndonos a colaborar, falamos con Susana [López Abella, secretaria xeral de Igualdade] e non hai maneira. Fan presentacións que dotamos nós economicamente e nin avisan… nós somos un recurso económico para tapar as súas fraquezas. De facto, esta Deputación podería estar dotando concellos se non estivésemos facéndonos cargo de competencias que non nos son propias. E falo de 7 ou 8 millóns, recursos que sobre a administración local serían un potencial incríbel e iso que se nós non cubrísemos o básico na maior parte dos concellos realmente os orzamentos municipais darían pena. A Xunta inviste moito máis en autopublicitarse que en atender as necesidades.

Unha das cuestións nas que traballastes foi no regulamento das casas de acollida. Que melloras implementastes?

Comezamos cambiando o feito de que a casa de Culleredo se empregase para mulleres en risco de exclusión social e non para vítimas de violencia machista e ademais, nos nosos centros, as crianzas empezaron a contar como ocupantes, pois até entón non contaban como tal e algunha das casas que visitamos tiñan os nenos metidos no mesmo cuarto coa nai. Eses nenos teñen que vivir unha vida normal, co seu propio dormitorio.

Alén de plans, facedes fincapé en premios como o Luísa Villalta ou o Concepción Areal, con dotacións económicas importantes.

Nós consideramos que as mulleres non son algo illado socialmente, nós somos o 50%, por iso ten que verse a transversalidade. Unha muller existe na ciencia, na cultura, no mundo empresarial, no deporte… formamos parte da vida e colaborar coa área de Cultura ou Deporte ten como fin visibilizar as mulleres que lle achegaron a esta sociedade grandes cousas e non as recoñecemos.

E falándomos de deportistas, como nace Contra os elementos?

Nace precisamente para darlle visibilidade ás campioas e ensinarlles ás nenas que teñen referentes importantes, así como o duro que é chegar a ser realmente unha campioa. Atopámonos co esquecemento e a falta de apoio das administracións, da propia prensa en moitas ocasións… e creamos ao respeito unha segunda fase cun debate baixo o nome Conquista os elementos. Hai concellos que se implican moito, mais falta buscar polo miúdo a participación dos clubes onde se practica o deporte. Habería que contemplar a discriminación positiva para que as empresas apoien dalgún xeito as figuras femininas neste mundo porque é triste que as propias deportistas che digan que cando van aos Xogos Olímpicos herdan o material de segunda ou terceira man dos seus compañeiros, que eles vaian a áreas de preparación de alto rendemento e elas fiquen nun bungaló de veraneo. Gustaríanos que as federacións tomasen nota e actuasen e estaría ben que houbese mulleres presidentas das federacións.

Por que cres que non todos os concellos se implican?

Hai concellos que animan a que os seus centros de ensino participen e outros non, ou temos o exemplo da Xunta, con campañas mesmo contraproducentes. Hai xente á que lle falta moitísima sensibilidade e, de xeito xenérico, os políticos, nos concellos pequenos, non lle dan moita relevancia ao benestar nin á igualdade. Cando un concelleiro toma as rendas de benestar e igualdade ten que ser consciente do que ten na man, e ten na man unha ferramenta para mudar realmente o seu concello. Temos que dar un brinco e sermos máis esixentes na calidade dos políticos que poñemos fronte aos concellos.

Cales son as principais necesidades dos concellos en materia de igualdade?

Queremos destapar a realidade. Observamos que do Plan Único apenas se usan recursos para igualdade nin benestar. Algunhas viñemos á política a defender as persoas e non os chiringuitos. Hai que destapar as mentiras que existen en practicamente todos os concellos, porque se os recursos públicos de Igualdade van unha comida dos maiores é evidente que non están a ser ben utilizados. A diagnose vai permitir destapar todo isto e con ese documento vai haber que tomar medidas, tendo en conta que as administracións temos a obriga de defender o benestar da xente máis desfavorecida. Por descoñecemento, a xente pensa que servizos sociais só é para quen fica na cuneta e nós aspiramos a máis: queremos unha sociedade do benestar e para iso imos traballar nesta liña, coñecendo o territorio e empregando as ferramentas necesarias.

Comentarios