Ánxela Franco Pouso, deputada na Deputación da Coruña

“O BNG veu á Deputación para cambiala”

Desborda enerxía. Anuncia que, de comezar a citar os proxectos que impulsa desde a Área de Igualdade e Benestar Social da Deputación da Coruña que ela dirixe, precisaría dun tempo que excede esta entrevista. Ánxela Franco Pouso, concelleira do BNG en Porto do Son, defende que a área de servizos sociais é un investimento no máis urxente e necesario e critica que o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, “siga tratándoa como área de gasto”. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 284.

[Imaxe: Cedida] Ánxela Franco
photo_camera [Imaxe: Cedida] Ánxela Franco

5Na Área de Igualdade e de Benestar Social non comezades a casa polo tellado. Estades a desenvolver un ambicioso proxecto de diagnose e estudo das necesidades dos concellos coruñeses a respeito da muller e dos servizos sociais. Non son habituais estes procedementos nas administracións públicas. A que responde esta liña de traballo?

Cando chegamos ao goberno da Deputación, había moita subvención nominativa froito da forma de goberno propia do PP. Cal é o problema? Se non coñecemos a realidade social e o contorno, tampouco saberemos que necesidades realmente hai que cubrir. De aí sae o estudo ao redor do mundo das mulleres e tamén do benestar nos concellos. Este traballo xa tiña que ser iniciativa da propia Xunta. A miña pregunta é como podes actuar con eficacia se descoñeces a realidade que tes?

Estamos moi orgullosas como área de ter dado este paso e a pena é non ter xa os resultados enriba da mesa. Unha vez que os teñamos, faremos unha reconstrución das fórmulas de subvención, tanto para entidades como para administracións, para que o diñeiro sexa eficiente á hora de actuar. Tratamos de facermos así con todo. Por exemplo, para construírmos a igualdade nos centros de ensino antes de encetarmos un proxecto estudamos ese centro, aquí non é café con leite para todos. E é que non é igual un concello como o da Coruña que un da Costa da Morte. A ninguén se lle ocorrería chegar a unha praia e plantar patacas. Para plantar algo, hai que ter o terreo aboado e así é como realmente transformas. Quizais eleitoralmente non sexa o máis rendíbel, mais a nós o que nos interesa é deixar e, sobre todo, continuar un traballo moi ben feito.

Cales son as previsións temporais desas diagnoses?

A de muller rematarase a finais deste ano e tivemos a fortuna de que a empresa que colleu a diagnose de benestar solicitou rematar o traballo antes, co cal, antes de que remate o mandato teremos dous documentos con moitísimo peso e información.

Chama a atención esa aposta no futuro, tendo en conta que as medidas se aplicarán en 2019, ás portas das eleccións municipais e cando remata o mandato actual.

Nós aspiramos a seguir no goberno e continuar avanzando na liña do que levamos feito, que é moito e sólido. Cremos realmente no que facemos. O BNG na Deputación da Coruña aposta nas cousas importantes, mentres outros gobernan por urxencias. O BNG veu á Deputación para cambiala e como exemplo temos o Plan Único, unha aposta decidida na autonomía dos concellos que supón mudar a política municipal e co maior orzamento consignado nun plan da Deputación na súa historia (188 millóns de 2017 a 2018). Para min, e falo a nivel persoal, sería o pesar máis grande levar catro anos na Deputación e non deixala impregnada de cousas boas para a xente. Sinceramente, considero que na nosa área estamos a facer unha transformación de fondo e estou moi orgullosa e satisfeita do traballo feito. O Plan Único e a aposta seria en benestar pode ser un antes e un despois na deputación e a respeito da igualdade, a Deputación está á cabeza das institucións.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 284, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios