O BNG ve preciso “un plan urxente” para rematar coa parálise de Ourense

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, considera que o PP e o PSOE acabaron sendo “cómplices necesarios” da crise política que atravesa a terceira cidade da Galiza. Esta leva meses cun Goberno local formado por tres persoas, incluído o propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en Ourense. (Foto: BNG)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en Ourense. (Foto: BNG)

A nacionalista Ana Pontón amosou esta cuarta feira a súa preocupación pola situación política que atravesa Ourense, que está sumida nunha “parálise” por culpa, ao seu entender, dos “cómplices necesarios” do PP e o PSOE locais.

A portavoz nacional do BNG entende que a cidade pide “un plan urxente” en tres ámbitos fundamentais que precisan maior atención: o social, o sanitario e o económico porque nestes meses de inestabilidade a situación “só empeorou”.

Após lamentar que o PSOE e o PP poñan “os seus intereses partidistas por enriba da veciñanza”, advertiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de que podería “evitar” a mala situación por contar cun goberno de tres persoas (entre elas o rexedor, co que quebrou o pacto de xestión co PP e mesmo coas e cos seus compañeiros de Democracia Ourensá) “se non sacrificase a cidade por manter o Baltarismo”.

Na súa opinión, Feixoo debe deixar “de empregar” a terceira cidade galega en poboación “como banco de probas dos experimentos para o resto de cidades”.

Tres eixos básicos

Ante a falta de movementos desde o Executivo galego, Pontón exixe que se incorporen servizos ao hospital, de maneira que non sexa preciso derivar pacientes a Vigo como xa se está vendo. A política quere acabar coa “falta de materiais e de recursos humanos”.

No que respecta ao ámbito social, coas complicacións derivadas da pandemia, precisaríase reforzar á atención á cidadanía. Porén, para conseguilo pide que “Feixoo e o PP deixen de ser cómplices da parálise” e faciliten a formación dun Goberno municipal ao dirixido por Gonzalo Pérez Jácome baixo mínimos.

Ao fixarse na economía, quizais a liña proposta podería ser exportábel a outras zonas do país. O que solicita é unha liña de subvencións para a hostalaría e o turismo. O orzamento do que fala ascende a 30 millóns de euros para “compensar como mínimo o 50% das perdas derivadas dos feches a causa da Covid-19”.

Comentarios