ACORDO PROGRAMáTICO CARA AO BALEIRADO ESTRUTURAL E COMPETENCIAL DOS ENTES PROVINCIAIS

BNG ve unha opción presidir a deputación da Coruña nunha negociación global co PSOE

Se ben o prioritario ágora é, sostén a fronte, chegar a un compromiso político para 'adelgazar' as deputacións e facelas máis transparentes; presidir a entidade coruñesa é unha carta que está sobre a mesa, recoñecen.

Deputación da Coruña
photo_camera Deputación da Coruña

“Non queremos que a casa se empece a construír polo tellado senón polos alicerces, polas bases, que son un acordo programático”, manifestou esta quinta feira o portavoz nacional, Xavier Vence a respecto das novas deputacións que se constituirán a raíz das eleccións do 24 de maio. E nese acordo programático anda o BNG, que considera necesario artellar nas negociacións e contactos con outras forzas un compromiso para poder ir avanzando cara ao baleirado das deputacións no camiño da súa desaparición.

Mais, como recoñecen no BNG, dentro da negociación “global” sobre as deputacións, “non se dá por sentado que o PSOE teña que presidir as tres entidades “(A Coruña, Pontevedra e Lugo; pois o PP mantivo Ourense). Consideran que é unha opción realista que o BNG poida presidir a deputación coruñesa. “Nesa provincia deuse unha correlación de votos diferente, que permitiría iso”. Na nova entidade provincial o PP ten 13 representantes, por 8 do PSOE, 5 deputad@s provinciais do BNG, 3 das Marea Atlántica, 1 de Compostela Aberta e 1 da Alternativa dos Veciños (Oleiros).

Porén, este punto aínda fica pendente da evolución das negociacións sobre compromisos e acordos entre as diferentes forzas. O BNG ten claro que a negociación ten que ser “nacional” -mesmo coa federación de municipios entre os temas- e non deputación por deputación. Recursos presentados nalgúns concellos poden retrasar a constitución das entidades provinciais de Pontevedra a entrado mes de xullo, mais a de Lugo podería constituírse antes. Por iso, sinalan fontes nacionalistas, “o proceso de negociación ten que facerse xa” para chegar a un acordo ‘nacional’.

Cuestións chaves

Un acordo nacional no que o BNG ten claro os alicerces que o deben de sustentar. Para alén do xa citado anteriormente (acadar un criterio político para ir facendo os cambios precisos para avanzar cara a eliminar estas entidades), o Bloque avoga por ir procedendo a un baleirado de competencias e estruturas das deputacións. Un proceso a facer en dúas direccións: cara arriba (Xunta) e cara abaixo (concellos).

E outro dos alicerces sería o de garantir a transparencia e a democracia, e eliminar discrecionalidade e arbitrariedade. A isto engaden un reparto obxectivo dos recursos entre os concellos, pulando polo reequilibrio territorial.

Comentarios