O BNG ve nos resultados do 27S "máis razóns que nunca" para unha candidatura de unidade

Coida que "a reforma constitucional e o futuro modelo territorial serán o gran debate" nestes comicios e defende que Galiza "debe estar en primeira persoa". 

Xavier Vence [M.Montero]
photo_camera Xavier Vence [M.Montero]

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, compareceu esta segunda feira en rolda de imprensa para valorar os resultados da xornada electoral en Catalunya. Para a organización frontista o 27 de setembro evidenciou unha "clarísima vitoria" das forzas independentistas que abre "unha nova etapa" no Estado español. 

Neste senso, Vence asegurou que os comicios ás Cortes españolas, previstos para o mes de decembro, estarán marcados polo debate da "reforma constitución" e do "futuro modelo territorial". Un contexto no que, defenden @s nacionalistas, Galiza "debe estar en primeira persoa". "É necesario que Galiza este nese debate, non podemos correr o risco de quedar fora dun escenario onde se vai redefinir o papel das diferentes nacións", subliñou. 

Desde a organización frontista defenden que o acontecido nas eleccións catalás achegan "máis razóns que nunca" para a conformación dunha "candidatura galega de unidade" coa que "acadar un grupo parlamentario propio que permita negociar en pé de igualdade cos demais grupos parlamentarios un novo status para Galiza e a defensa dos nosos intereses inmediatos”.

"O escenario que se abre no Estado ca aposta de Catalunya pola soberanía e o fracaso de Podemos, son razóns sobradas para que reconsideren as opcións"

Algo que acontecerá, dixo, "se todo mundo é capaz de ver que Galiza debe estar en primeira persoa no debate da inevitable reforma do Estado". As declaracións de Vence apuntaron directamente ao pre-acordo político anunciado entre Anova, EU e Podemos. O voceiro nacionalista instou a estas forzas a re-pensar a súa posición perante o "fracaso" que, din, evidencian os resultados tirados pola coligazón Podemos-ICV-EUiA. "O escenario que se abre no Estado ca aposta de Catalunya pola soberanía e o fracaso de Podemos, -xunto cos argumentos que xa había sobre a mesa-, son razóns sobradas para que reconsideren as opcións, porque aínda estamos a tempo para sumar nunha gran candidatura galega, plural, de unidade que lle permita a Galiza ter voz potente con grupo parlamentario propio no Congreso non supeditado a ningún grupo estatal", asegurou. 

Vence concluíu reclamando "xenerosidade" ás demais forzas políticas. "Espero que haxa capacidade para valorar o momento político extraordinario e as oportunidades que se abren para Galiza na vindeira lexislatura". 

Comentarios