Consello Nacional

O BNG ve no resultado do 25S o pulo para “abrir unha nova etapa” no nacionalismo

A portavoz nacional, Ana Pontón, chama a traballar “con humildade e convicción” nun proxecto “no que todas e todos somos necesarios”. Salientou que a composición do novo grupo conxuga experiencia e renovación cunha clara aposta en darlle as mulleres un papel protagonista.

CONSELLO NACIONAL BNG

O Consello Nacional do BNG valora positivamente os resultados obtidos o 25 de setembro pola formación, uns resultados que rachan a tendencia á baixa das últimas citas electorais e, consideran, “evidencian unha recuperación do apoio”. Lamentan que non se lograse o principal obxectivo, derrotar o Partido Popular, mais iso non pode derivar en desánimo ou baixar os brazos. É máis, o BNG considera que cos resultados obtidos pola fronte é momento dun pulo para “abrir unha nova etapa”.

“É un paso para diante que debemos consolidar e ampliar, empezamos unha nova etapa con máis cohesión e unidade, con máis entusiasmo e ilusión”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón. O Bloque fai parte da “Galiza inconformista e rebelde” e destacou a composición do novo grupo parlamentar, que conxuga experiencia e renovación cunha clara aposta en dar as mulleres un papel protagonista. “Tamén nisto estamos facendo a nosa pequena historia”, indicou. Unha afirmación feita cando se fan exactamente 85 anos de que se aprobase (1 de outubro de 1931) o sufraxio feminino

O traballo no Parlamento vai ser un elemento fundamental neste compromiso, marcándose como principal obxectivo levar á Cámara os problemas, demandas e necesidades dos galegos. “O Parlamento ten que ser o centro da vida política e ter unha conexión clara e directa co día a día da xente do nosos país”. Nesta liña, cómpre eliminar a burocracia que continúa con esquemas e ritmos de hai 30 anos, polo que os nacionalistas van propoñer unha reforma do regulamento.

Crise do PSOE

A portavoz nacionalista situou a crise do PSOE no esgotamento do modelo do marco político do 78 e nas manobras dos poderes fácticos  para favorecer un goberno de Rajoy. “Se o IBEX-35 quere gobernar que se presente ás eleccións”, emprazou.

Comentarios