O BNG ve no 24M unha oportunidade "para proclamarmos a nosa soberanía"

O Bloque apresentou esta cuarta feira unha sorte de manifesto intitulado "Concello a concello, construíndomos a Galiza do Século XXI, un país noso e libre". A tese é que o 24M non só se realizan eleccións municipais, aliás estariamos perante unha oportunidade "para proclamarmos a nosa soberanía" e para o facer "sen interferencias alleas a nós".

VENCE DECLARACION POLITICA BNG CORUÑA2, municipais2015
photo_camera Vence, após apresentar o manifesto

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, estivo esta cuarta feira na Coruña para, nun acto con candidatas e candidatos da comarca, apresentar o documento Concello a concello, construíndomos a Galiza do século XXI, un país noso e libre.

É unha guía de acción para o labor do BNG-Asembleas Abertas nas cámaras municipais. Através dela a formación nacionalista "comprométese a impulsar e conformar" desde os concellos "un auténtico Contrapoder fronte ás políticas de devastación".

O Bloque tenciona tornar os concellos en alicerces "dunha Terra liberada, insubmisos aos ditados da UE, goberno español e Xunta" e que baseará a súa "acción común" en 10 pontos básicos. A saber: concellos libres de desafiuzamentos (1), comprometidos na loita contra a pobreza enerxética (2), na vangarda das políticas de igualdade (3), plenamente implicados na promoción de usos da lingua galega (4), absolutamente intolerantes coa corrupción (5), comprometidos coa cultura e patrimonio propios (6), orgullosos da nosa identidade colectiva, defensores e promotores do dereito a decidir da Galiza (7), radicalmente opostos ao Acordo Transatlántico de Comercio e Investimentos (8), promotores da auto-organización social (9) e promotores da colaboración e as sinerxias entre as diferentes entidades comerciais (10).

Comparece a formación frentista como unha organización que nos concellos se ten batido como "dique de contención" en "chave nacional" fronte ás "políticas antisociais e antigalegas que emanan dos gobernos da Xunta e de Madrid". Aliás, como unha forza política que representa un proxecto de país "que contempla unha Galiza con poder político real, unha Galiza libre e soberana".

Esa é a chave do discurso do BNG. O 24M non só se realizan eleccións municipais, enfatiza o manifesto, mais si son tamén "unha oportunidade para proclamarmos a nosa soberanái, a nosa vontade de existirmos libremente, como nación que somos, sen dependencias nin subordinacións, só en función dos intereses, necesidades e aspiracións do pobo galego, sen interferencias alleas a nós".

Comentarios