O BNG ve “moribunda” a Constitución española

A formación nacionalista reivindica a soberanía de Galiza e denuncia que a Carta Magna -que se homenaxea este sábado- foi “estrangulada polo ultra-centralismo”.

bng-cropII
photo_camera Acto do BNG

O BNG reuniu a decenas de persoas nun acto crítico coa Constitución española -cuxa data se celebra este sábado- que foi cualificada de “moribunda” polos presentes, que ademais amosaron artigos alternativos á actual Carta Magna, que a formación nacionalista considera que debe variarse tanto para recoñecer os dereitos nacionais de Galiza como para “revitalizar a democracia, a economía e o país”.

O voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, afirmou que “non é un día para celebracións senón para erguer as reivindicacións dun país que está sufrindo a degradación dun marco constitucional que arrincona a Galiza e o seu autogoberno, que nos priva de competencias imprescindíbeis para o noso desenvolvemento”. 

“A Constitución esgotou todas as súas posibilidades estrangulada polo ultra-centralismo e entregada aos grandes poderes económicos, que son os que deciden as políticas” engadiu Vence, que relacionou a corrupción “con esa intromisión das elites adiñeiradas, que capturan as institucións”. “Por iso é o momento para pasar a outro escenario no que Galiza teña ferramentas para sacar o país adiante”, dixo. 

Durante a concentración, vari@s candidat@s do BNG ás municipais deron lectura ao que consideran que deberían ser os novos artigos dunha Constitución galega, na que por exemplo cren que tería que recoñecerse o galego “como idioma propio de Galiza, sendo deber das institucións normalizar e dignificar o seu uso en todos os ámbitos da sociedade”.

Comentarios