BNG ve gravísimo que PP e PSOE admitan persoas imputadas nas súas candidaturas

O líder do Bloque, Xavier Vence, entende que a presenza de dirixentes políticos imputados nas candidaturas constitúe un “insulto á cidadanía”.

Xavier Vence [Imaxe: SG]
photo_camera Xavier Vence [Imaxe: SG]


O portavoz nacional do BNG saíu hoxe ao paso das afirmacións realizadas este domingo polo secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, a respeito da presenza de persoas imputadas nas candidaturas das siglas socialdemócratas a Bruxelas.

Besteiro delegou na militancia a decisión de se o partido vai propor candidatos a Europa que estexan imputados por causa de corrupción. O secretario xeral do PSdeG tomou distancia sobre a cuestión e non dixo que opinaba el persoalmente a respeito da cuestión de candidatar a persoas encartadas en causas xudiciais.

"A conclusión que cabe sacar é que o modelo da Pokémon é o modelo do PP”, sinala Vence

Para Vence, é “gravísimo” que os máximos dirixentes do PP e do PSOE na Galiza admitan a hipótese de as súas formacións política proporen como candidat@s a persoas incursas en causas xudiciais.

Sobre Paula Prado

“Se algún compromiso deberíamos compartir os partidos políticos é, en primeiro lugar, pedir a dimisión de todos aqueles que están imputados en casos de corrupción graves e, por suposto, lanzar claramente a mensaxe de que ningún imputado vai participar nas listas de ningún partido político”, dixo Vence.

Interpelado polos meios, Vence criticou a Feijóo por manter a súa confianza en Paula Prado, após saberse que a xuíza do caso Pokémon investiga a hipótese de ela ter favorecido os negocios privados do seu marido.

“Feijóo está a enviar unha mensaxe moi clara á cidadanía: que a señora Paula Prado e súa forma de actuar é a forma de actuar do PP, describe o seu tipo de moral política. A conclusión que cabe sacar é que o modelo da Pokémon é o modelo do PP”, sinalou.

 

Comentarios