Vence ve "compatíbel" a resolución de Anova coa proposta do BNG dunha "candidatura nacional"

Xavier Vence reitera a dispoñibilidade a falar "con todas as forzas galegas" para unha lista que "defenda os intereses de Galiza" e advoguen por unha representación "propia e soberana" no Congreso.

Vence 17 M, Día das Letras Galegas 2015

Xavier Vence considera que a resolución de Anova na liña dunha candidatura que non sexa un "apéndice" de forzas estatais como IU ou Podemos é "compatíbel" coa proposta do BNG dunha "candidatura nacional galega non só para forzas nacionalistas ou integradas por nacionalistas", segundo recolle EP. "Creo que o proposto é un enunciado compatíbel coa proposta do BNG", dixo durante unha rolda de imprensa, onde reiterou que a aposta do BNG é "unha candidatura nacional galega" que non estea "supeditada a forzas estatais" e que se dirixa "a atinxir un grupo parlamentar propio non supeditado a outros".

Para Vence, se as declaracións de Xosé Manuel Beiras van nese sentido, "entendo que camiñan na liña da proposta dunha candidatura de unidade". E "se non é así", proseguiu, terán que explicar "cales son os matices e as diferenzas". A candidatura que defende o BNG, aclarou Vence, procura "defender os intereses de Galiza como nación" no Congreso e nela poden tomar parte todos os que aposten nunha representación "propia e soberana". O nacionalismo sería unha "parte fundamental e motor" desa candidatura mais non os únicos, pois caberían todas as forzas galegas que partillen e asuman eses puntos.

Falar

O BNG está a disposto a falar "con todas as forzas galegas" para articular esa "gran candidatura" galega, unha listaxe que pode "ilusionar" a cidadanía para lograr ter grupo no Congreso. Dixo que o Bloque aspiraba a lograr que as diferentes forzas e colectivos do país partillen esa idea de que haxa un grupo propio no Congreso español. "Sabendo o que representa cada quen, mais iso non é impedimento para que poidamos aspirar a falar con todos os que partillan a idea de formar unha candidatura nacional galega", sostivo Vence.

Deputación

Xavier Vence afirmou durante a súa comparecencia que o BNG admite non presidir a Deputación da Coruña, unha vez que Marea Atlántica e Compostela Aberta, non deron "un apoio expreso" ao Bloque. "Crimos e cremos que a mellor opción é un presidente do BNG, mais para iso precisamos o apoio das mareas e semella que non é así", afirmou.

Comentarios