28-M

"É o momento de facer historia": Pontón e Sanmartín, convencidas de que Santiago terá a primeira alcaldesa

A candidata nacionalista percibe cada vez "máis gana e máis forza" na capital galega para tornar na primeira muller á fronte da corporación.
Goretti Sanmartín e Ana Pontón, no exterior do pazo de Raxoi. (Foto: Europa Press)
photo_camera Goretti Sanmartín e Ana Pontón, no exterior do pazo de Raxoi. (Foto: Europa Press)

O BNG detecta que en Santiago existen "cada vez máis gana" de que este domingo electoral feche cun "resultado histórico" que permita que a súa candidata, Goretti Sanmartín, sexa "a primeira alcaldesa" da historia da capital galega. No último día de campaña, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, mandou a "mensaxe clara" de que nesta cidade van "a por todas" este 28 de maio, nun acto xunto a Sanmartín nos soportais do pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro.

Ambas as dúas pediron concentrar o voto "inconformista" na formación nacionalista, co obxectivo de "deixar atrás a apatía" dos últimos anos e gobernos municipais. "É o momento de facer historia", subliñou Pontón. Nesta mesma liña, e en chave nacional, Ana Pontón chamou tamén a que a "gran corrente de simpatía" co BNG "se traduza en votos" o domingo nos distintos municipios, algo que ve "fundamental" e para o que apelou tamén ao voto mozo e "rebelde".

"Que participen. É o momento do BNG", destacou, antes de incidir en que esa participación "masiva" é "fundamental". En Compostela, profundou, "os veciños teñen na súa man facer historia da man de Goretti Sanmartín", para "convertela na primeira alcaldesa" de Santiago e favorecer que a cidade "se prepare para os grandes cambios" que veñen.

Pola súa parte, a candidata nacionalista á Alcaldía da capital galega mostrouse "contenta" co "entusiasmo" durante esta campaña, na que recibiu "boas vibracións" após múltiples actos e debates cunha gran concorrencia de público.

Neste sentido é no que dixo que ve "cada vez máis ganas" e "máis forza" para lograr ese "resultado histórico". A poucas horas da cita coas urnas, mostrouse "absolutamente preparada para gobernar" a cidade se así o dispuxese a veciñanza na noite do domingo.

Rueda e Baltar

Preguntada pola prensa, Pontón criticou tamén que o líder do PP galego, Alfonso Rueda, "non é capaz de pór orde" no seu partido, e considerou que "se tivese ética" exixiría a dimisión do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, polas multas por exceso de velocidade que o colocaron de novo esta sexta feira no albo da polémica.

"Cada nova información que coñecemos é un escándalo máis", afirmou a líder dos nacionalistas, antes de facer un chamamento para, a través das urnas este domingo, "facer dimitir o caciquismo 2.0 de Baltar" e que desapareza "toda esa podremia", que "non é tolerábel" en democracia.

Comentarios