O BNG urxe sancionar as eléctricas que inflaron o prezo da luz de forma fraudulenta

O deputado Néstor Rego reclama ao Ministerio de Consumo que dea a coñecer o nome das compañías que estafaron as usuarias.
NR4
photo_camera O deputado Néstor Rego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar na Cámara Baixa iniciativas para que o Goberno do Estado, e en particular o Ministerio de Consumo, castigue as prácticas fraudulentas na factura da luz de varias comercializadoras eléctricas que inflaron até 30% o recibo dos clientes.

Rego reclama ao Ministerio que publique a lista de empresas que realizaron esa suba ilícita para que a cidadanía poida reclamar a devolución das cantidades cobradas indebidamente e que facilite mecanismos para exixir ese reintegro de maneira áxil e fácil.

Fraude masiva

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia detectou que varias empresas comercializadoras de electricidade aproveitaron a entrada en vigor das novas tarifas para incrementar, de forma oculta e fraudulenta, a factura da luz.

Porén, a CNMC non comunicou que compañías foron as que engordaron os prezos. Limitouse a pedirlles a regularización dos recibos co fin de reintegrarlle a cada consumidor os euros cobrados de mais.

Información pública

A formación nacionalista exixe que se dea a coñecer publicamente o nome de todas as compañías que realizaron este tipo de prácticas e considera "intolerábel" que o Ministerio de Consumo "só ameazase con dar a coñecer a identidade das empresas no caso de que continuasen con estas políticas".

Para o deputado nacionalista, se existe unha infracción ou práctica fraudulenta "detectada e constatada", así como unha ocultación intencionada de información aos consumidores, cómpre "que se faga pública a listaxe de compañías que aproveitaron o cambio de tarifas para facer negocio".

"Coñecer a identidade das empresas permitiría que as persoas consumidoras poidan revisar con máis atención as súas facturas e reclamar, de ser preciso, o diñeiro cobrado de máis de maneira inxusta e abusiva", afirma Néstor Rego.

Dilexencias de sanción

Neste sentido, o deputado solicita ao Ministerio de Consumo que adopte todas as medidas precisas para facilitar toda a información ao conxunto da cidadanía "que se abran xa as dilixencias de sanción polas súas prácticas no incremento dos prezos".

Doutra banda, Rego tamén lle pide ao Goberno do Estado que actúe "de forma contundente ante este intento de enriquecimento abusivo e subrepticio, aproveitándose ademais dun momento especialmente delicado pola entrada en vigor das novas tarifas e polos prezos históricos que está a rexistrar agora a enerxía eléctrica". 

Comentarios