BNG urxe "unha mesa de traballo" con "todas as partes" da que saian "medidas concretas" para As Pontes

Noa Presas avanza que o Bloque pedirá no Parlamento que a Xunta deseñe "o seu propio plan de transición enerxética"

A deputada do BNG Noa Presas asegurou esta segunda feira, tres días despois da solicitude formal de Endesa para pechar a central térmica nas Pontes, que 2020 "ten que empezar coa convocatoria inmediata dunha mesa de traballo" que inclúa a "todas as partes" implicadas da que saian "medidas concretas".

Nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega para valorar a "negativa" situación da industria na Galiza ao longo deste 2019, a parlamentar nacionalista afeou á Xunta que "o único" que fai sexa "botar balóns fose" mentres o Goberno estatal "ofrecer máis silencio".

Para o Bloque, 2020 será "clave" que As Pontes teña "solucións encima da mesa" e que Galiza non volva vivir unha reconversión enerxética "que só deixa máis paro, máis miseria e menos emprego industrial".

Noa Presas lamentou que Galiza afronta o final do carbón "nunha situación peor do que podería con responsabilidade exclusiva do Partido Popular e do Partido Socialista". E isto é así porque "os sucesivos gobernos centrais e a Xunta non previron esta situación", a pesar de que o final do carbón "non é unha novidade dos últimos meses nin dos últimos anos".

Neste sentido, tamén acusou estas dúas formacións de "excluír" desde o 2011 a Galicia dos fondos dos plans carbón. Os nacionalistas calculan en máis de 258 millóns de euros perdidos por este "agravio" e pola "falta" de chan industrial nas Pontes.

Ademais de todo iso, Presas suxeriu que a Xunta "ten que deseñar o seu propio plan de transición enerxética" e destinar tamén "recursos propios", algo que o Bloque esixirá no Parlamento, tal e como adiantou.

Comentarios