Caso Alvia

O BNG urxe o Goberno a garantir a seguidade nos trens

Queren coñecer a "verdade" do accidente de Angrois e darlle voz ás vítimas nas comisións de investigación.
Ana Miranda, Néstor Rego e Goretti Sanmartín na estación do ferrocarril de Compostela (Nós Diario).
photo_camera Ana Miranda, Néstor Rego e Goretti Sanmartín na estación do ferrocarril de Compostela (Nós Diario).

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Europa, Ana Miranda, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, anunciaron onte unha "ofensiva conxunta" que "significa non esquecer o grave accidente do tren Alvia que ocorreu na curva da Grandeira, en Angrois, o 24 de xullo de 2013".

As nacionalistas exixiron ao Estado que cumpra de "forma inmediata" os requirimentos explicitados no procedemento de infracción que iniciou a Comisión Europea contra o Estado hai xusto un ano por incumprimento da exixencia de control de riscos da normativa europea de seguridade ferroviaria.

"Case sete anos despois do accidente non houbo responsabilidades políticas nin técnicas e o xuízo está demorado catro meses", lamentou Ana Miranda onte desde a estación do ferrocarril de Compostela, onde tamén estivo o a portavoz do BNG na capital, Goretti Sanmartín.

"Ningún dos Gobernos do Estado deu solucións ao problema do Alvia. O Estado pediu dúas prórrogas alegando que había un Goberno provisional e agora queremos que este novo Goberno retome o asunto. Queremos unha solución este ano", alegou.

"Estamos diante dunha nova Comisión Europea e dun novo Goberno estatal, polo tanto cremos que se ten que tomar moi en serio o accidente do Alvia e apoiar ás vítimas do tren con medidas contundentes que eviten un novo accidente de Angrois, que se podería volver producir hoxe", sostivo Miranda.

O deputado nacionalista en Madrid solicitará no Congreso que se leve a cabo a investigación independente por parte da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios que "determine cales foron as causas" do accidente, e insistiu en que son necesarios recursos e prazos concretos.

"É sorprendente que aínda non se teña producido esta investigación independente e que o Goberno aínda non entregase ese plan de acción para evitar que poida volver pasar algo así", destacou Rego, quen avanzou que tamén reclamará "que se abra de novo a comisión parlamentar de investigación" para "determinar as responsabilidades políticas".

"En ambas comisións pensamos que é unha débeda pendente darlle voz ás vítimas do accidente", aseverou Rego, que agarda "chegar a coñecer toda a verdade" sobre o caso do Alvia e que se "poñan en marcha as medidas de seguranza necesarias". 

Comentarios