O BNG urxe ao Goberno a destinar novas embarcacións ao Servizo de Vixilancia Aduaneira na Galiza

Ante os buques obsoletos, inútiles e mesmo perigosos para as persoas que a diario prestan os seus servizos, Néstor Rego reclama a entrega de novas embarcacións.
Nestor Rego, deputado do BNG no Congreso.
photo_camera Nestor Rego, deputado do BNG no Congreso.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para que o Goberno atenda as necesidades do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Galiza. Concretamente, que facilite novos medios para que as traballadores e traballadoras poidan realizar o seu labor de maneira segura e efectiva con novas embarcacións, sobre todo nas bases de Muros e Ribadeo. A fronte nacionalista ten coñecemento do encargo do executivo español de oito embarcacións e quere saber se algunha destas será destinada á Galiza.

Cabe lembrar que a Galiza dispón de seis bases marítimas das que dúas delas realizan funcións desde hai anos con embarcacións "totalmente obsoletas, inútiles e mesmo perigosas".

Por exemplo, en Muros atópase a embarcación de nome V.A II, que entrou en operatividade en 1985 cunha vida útil de 15 anos mais, a día de hoxe, "continúase operando con ela, cunha antigüidade de 39 anos", denuncia o deputado do BNG no Congreso. Na base marítima de Ribadeo está asignada a embarcación Alcaraván II, do ano 1984, cuxa zona de navegación é A Mariña lucense e costa Asturiana. Segundo a súa documentación, terminou a súa vida útil no ano 2000, pero hoxe en día segue navegando co perigo que isto leva para as súas tripulacións e a inoperatividade para as súas funcións.

"Á parte da súa inutilidade como embarcacións para a loita contra o narcotráfico na mar, é un verdadeiro perigo para as súas tripulacións debido ás constantes avarías nos seus motores e demais problemas" lamenta Néstor Rego. En opinión do deputado nacionalista, o Goberno debe comprometerse a substituír estas embarcacións e atender as necesidades do Servizo de Vixilancia Aduaneira. No concreto, ter en conta para as previsións, as necesidades das bases como Muros e Ribadeo. 

A organización nacionalista, de facto, ten coñecemento de que o departamento de Aduanas ten encargado ao Grupo Rodman oito embarcacións de alta velocidade e que a primeira delas xa foi entregada sendo o sur do Estado español o destinatario. "Algunha desas embarcacións encargadas pode destinarse a renovar a frota do Servizo na Galiza e, no caso de non asignar ningunha, debe ser unha das prioridades do Goberno encargar novas embarcacións" sentenza Rego.

Comentarios