O BNG urxe un pleno do Parlamento onde afrontar os efectos das restricións sanitarias

Tamén trasladará á Cámara unha iniciativa na que pide que se limiten os horarios de casinos, salas de xogos e casas de apostas para evitar que sexan unha alternativa de ocio para a mocidade. 

2020090819170297614
photo_camera O BNG quere levar ao Parlamento o impacto das medidas fronte á Covid-19.

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil,compareceu esta quinta feira publicamente para reclamar a convocatoria urxente dun pleno extraordinario no Parlamento galego no que afrontar o impacto que terán na situación sanitaria, económica e social as novas restricións que afectan a toda Galiza, singularmente, as da capital galega e outras localidades.

"Vemos con preocupación como están a evolucionar os datos, o aumento do número de contaxios, a transmisión comunitaria e a presión asistencial e o número de persoas falecidas", apuntou a dirixente nacionalista, que urxe a convocatoria para a semana vindeira

O BNG motiva esta proposta na necesidade de encarar todas as vertentes da crise. Nese sentido, Rodil lamentou lamentar as 11 mortes da pasada cuarta feira, das que seis son persoas usuarias da residencia de Os Gozos, en Pereiro de Aguiar, e volveu pedir "blindar" todas as residencias e a intervención pública en todas.

"Temos que ir máis aló dunha sucesión de anuncios que se van adoptando dun día para outro e optar por unha visión de conxunto no que as forzas políticas fagamos propostas", sinalou, e tamén pediu coñecer "os datos en profundidade e detalle" da evolución da pandemia.

No ámbito sanitario, tamén reclamou que non se descoiden as outras enfermidades e avisou de que "non se poden aprazar" as intervencións sanitarias para outras doenzas.

Salas de xogo e apostas

Por outra banda, o BNG anunciou unha iniciativa, que trasladará ao Parlamento galego, na que advirte que as salas de xogo e apostas e os casinos comezan a representar "unha alternativa ao lecer nocturno" polo seu horario, en especial para os mozos, ao ter un horario máis amplo que o da hostalaría.

Segundo avanzou a deputada Carmela González, a fronte nacionalista demandará limitar o horario de salas de xogos e apostas, dentro das medidas de control da pandemia e proporá articular medidas de lecer alternativas a estes locais para evitar a afluencia de mocidade. 

Política Agraria Común

Ademais, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reivindicou que Galiza non debe saír "prexudicada" na repartición da Política Agraria Común (PAC) para o próximos sete anos, que se atopa en período de negociación, e reclamou que manteña "a mesma" porcentaxe de fondos agrarios europeos na repartición que se faga para o período 2021-2027.

Comentarios